|
¿Qué
están a facer coa nosa Galicia?
| Xabier González |
¿Qué medio de comunicación
trasladará o cidadán o escurantismo e a realidade das intrigas palacegas
que está suscitando a redacción do III Estatuto de Galicia? Porque,
non nos enganemos, o que están a facer o tripartito instalado no
Parlamento Galego é máis propio dun función circense que de algo
tan serio como debería ser senta-la bases para poder lexislar e
acadar o nivel de autogoberno que Galicia necesita.
No medio desta función pagada cos impostos de todos nós, condicionados
por estratexias mediáticas que procuran a creación de correntes
de opinión a medida e, tamén, practicamente privados de outra cousa
que non sexan os "dereitos naturais dos espectadores",
quedamos os Galegos e Galegas; posiblemente non todos, pero si aproximadamente
ese millón e medio que decidimos que ningún dos da "troupe"
nos ofrecía garantías suficientes para considerar representada a
nosa opinión. Aínda así, na maioría das esferas mediáticas e intelectuais
desta nosa Terra, semella que existe a decisión de que o III Estatuto
da Galicia sexa unha función a tres tristes tigres orquestrada,
dirixida, controlada e condicionada polo stablishment; función circense
na que, diría eu, sobra un "tigre-clown", o BNG, que é
xustamente quen máis esforzos fai para acadar protagonismo e que,
por outra parte, só poderá ter final feliz ou como queira chamárselle
a redacción final do Estatuto que supere o trámite Parlamentario-
se os dous "artistas" maioritarios, PSOE e PP, atopan
algunha Agatha Ruiz De la Prada que combine remendos e cores nun
modeliño de "haute couture" que trunfe na Pasarela Cibeles
de Madrí.
Da vergoña ver, nesa TBNG antes TVG- que conta co logotipo menos
imaxinativo de cantos un creativo poda deseñar, os esforzos que
o Vicepresidente único e magnífico da Xunta fai cada cinco minutos
para mellor provocar a ese "tigre-Tom" (por aquilo da
obediencia debida do PpdeG a Aceves e Zaplana que tanta semellanza
garda coa escravitude do inmortal Tío Tom de Harriet Stowe) de Nuñez
Feijoo, sen esquecerse de chupar toda a cámara posible nunha competencia
con Touriño tan infantil que arrepía. I é que Quintana presentou
xa fai tanto tempo o seu proxecto para o III Estatuto que corre
perigo de ter que requentalo e, por outra parte, sabe que vai a
ser o gran perdedor tanto no proceso de elaboración do texto como
nun hipotético referendo de aprobación no que é mais que posible
que presenciemos a gran paradoxa dun BNG pedindo o voto en contra
e perdendo coma sempre.
E da tamén vergoña ler a Aceves corrixindo, póndolle as bridas a
Núñez Feijoo e reclamando a volta dos Reis Católicos, con San Isidoro
de Sevilla como santo acompañante que lexitime a II Reconquista
como o deber patriótico dos bos españois, para reunificar ese Estado
dinástico e confesional que limite os desatinos da actual sociedade
plural, diversificada e civilizada, que consenten os Borbóns.
¿E Touriño?, pois vai tirando como pode e asumindo cada vez máis
que o estigma dos dous Presidentes Socialistas que leva tido a Xunta
de Galicia é que son tan insípidos, inodoros e incoloros, que a
pouco que se esforzasen poderían pasar perfectamente por Xerardo
Fernández Albor. Resumindo, nas funcións circenses deste tripartito,
Touriño ten asignado o papel dese clown con capirote de penitente
e pantalóns bombachos que fai virguerías cun saxofón de xoguete
mentres Fofitos e Milikitos compiten para ver quen estrela máis
Tartas de Santiago na faciana do seu adversario clown-políticoŠ
E nos circos do poder uno y trino a Proposta Galeguista de III Estatuto
de Galicia molesta e incomoda cada vez máis porque fala e propón
unha Galicia que é o resultado da unión de cidadáns libres e iguais,
moi lonxe desta Galicia de súbditos que "os tripartitos"
queren presentar como a única posible. Diante das funcións circenses,
nas que non só caen os "tripartitos" senón que tamén hai
algún que outro con ansias de que medre o circo de pulgas que ten
montado para ver se pode colgarlle o título de "vía rápida",
Nós, os Galeguistas, temos unha vantaxe definitiva: sabemos cal
é o noso proxecto, temos o valor de dicilo e a coraxe para levalo
a cabo.
Por certo, ¿saben vostedes que as Consellerías do BNG están a financiar
solapadamente e con cartos públicos a substitución, en locais e
páxinas de internet de grupos ou entidades relacionadas coa emigración,
da bandeira nacional da Galicia por esa outra que ten unha estreliña
vermella e que non representa a ninguén máis que os militantes do
bloque?.
15/11/06
|