El artículo

Charo e Amada
| Natalia C. Alonso |

O fin da Guerra Fría, a caída do muro de Berlín, o terrorismo internacional xunto co proceso de globalización neoliberal acompáñanos neste albor do século XXI, e ante estes fenómenos a sociedade civil, a mocidade europea, ten reaccionado reclamando solución aos problemas sociais, e coa bandeira do pacifismo creou e deu pulo ao movemento "altermundista". E é neste contexto onde se topa a sociedade galega, a cidadanía galega ten demostrado estar á vangarda destes movementos nas mobilización contra a Guerra do Iraq ou no movemento pola dignidade que foi Nunca Máis, unha sociedade que quere, sufre e goza cos mesmos anhelos que calquera sociedade europea, e o BNG como instrumento a prol desta cidadanía debe saber dar resposta a estes anhelos, debe estar á altura dos tempos, do século XXI.

Ante a perda de confianza nos partidos de corte tradicional o BNG dende o seu nacemento foi pioneiro e vangarda na súa forma de organización facendo dos afiliados militantes que sentiran como propio o proxecto da organización, funcionando xa dende o comezo como unha organización moderna do século XXI. Esto foi o que fixo posible que unha organización sen o respaldo de grupos de poder económicos nin mediáticos chegara a ser a segunda forza política do noso país, a forza da súa militancia.

A última Asemblea Nacional do BNG se decantou por unha renovación, mais pouco a pouco, día a día, foise transformando esa pretendida renovación nun proxecto de muda da propia organización, actuando na propia esencia do BNG. Con vetos e doe ter que dicilo, con sectarismos inxustificables.

Ante esta situación e co gallo da XII Asemblea Nacional xurde, da man de dúas mulleres, Charo Fernández Velho e Amada Traba, o proxecto moderno e participativo dun BNG que pretende dar desposta ás demandas da sociedade galega. Non se trata de mudar uns nomes por outros, trátase dunha transformación nos modos e nas formas. Presevar as formas que fixeron desta organización a segunda forza política do pais, introducir os mecanismos necesarios para que a organización nunca estea supeditada o Goberno e potenciar a democracia participativa a tódolos niveis son os tres pes sobre os que se sustenta o proxecto da Alternativa.

Charo e Amada capitanean o proxecto d'A Alternativa, dúas mulleres comprometidas con Galiza, coa muller, coa lingua, cunha visión que vai máis aló do Goberno da Xunta e coa forza intrínseca de traballar polo que en conciencia cren debe ser o futuro do noso país.

Charo Fernández Velho desborda ilusión e optimismo, leva a súa conciencia nacionalista a todos os ámbitos da súa vida traballando incansablemente a prol da cultura do noso país, especialmente da lingua chegando a ser vicepresidenta da Asociación Galega da Lingua. É unha muller tenaz e traballadora e así como fundou o BNG en Ordes acadando case que ás primeiras tres concelleiros, segue inmersa na sociedade civil escoitando as súas demandas e loitando por todo aquilo que considera xusto, sempre cun espírito aberto e tolerante, é unha auténtica líder democrática.

Xunto con Charo lidera este proxecto Amada Traba, os que temos o pracer de coñecela nunca deixa de sorprendernos a extrema modestia na que gusta de moverse, poñendo sempre diante dela os seus principios antes que calquera interese persoal. Muller de trato agradable e gran sentido do humor, é unha incansable loitadora dos proxectos nos que cre. Salientable dende sempre o seu traballo rigoroso no feminismo, o seu traballo dende o nacionalismo por unha Galiza dona de seu, nunca descoidou as pequenas loitas do brazo de moitas e moitos cidadáns nas mobilizacións de Nunca Mais e contra a Guerra. Gusta da conversa, de falar, e sobre todo e o que é máis importante, de escoitar.

Charo e Amada son dúas mulleres galegas de hoxe en día, familia, traballo, esforzo, profesionalidade e rigor. Pero elas son unicamente as dúas mulleres que encabezan a lista d'A Alternativa de militantes concienciados e comprometidos co BNG, que dende a simple militancia e inxeridos na sociedade pretenden colocar ao BNG ao servizo da cidadanía, converténdoo na forza hexemónica deste país, e deste xeito poder ter unha sólida ferramenta para soportar nas mellores condicións posibles os avatares e esforzos da loita pola soberanía de Galiza.


30
/11/06

No hay comentarios


©Galicia en PáXinas S.L.
 | gpx.es | noticiasgalicia.com | ViajarGalicia.com | parquenaturalislasatlanticas.com | vinosgallegos.net | golfgalicia.net |
| directoriowebsgallegas.com | pueblosdegalicia.com | confidencialgalicia.com |
Todos los derechos reservados
.-E-mail: info@noticiasgalicia.com Optimizada para 1024 x 768 píxels.
Aviso legal  | Departamento Publicidad