|
O
exército de salvación
| Xesús López |
Ó longo do curso
académico, os nenos e nenas van recibindo lecciós de ambientalismo,
nas que teñen un valor certo a de facelos protagonistas na formación
de boscos persoalizados [cada neno/a apadriña unha árbore autóctona]
no propio enxidro do centro escolar ou ben coa colaboración dalgunha
comunidade de montes, nun espacio por ela cedido pra ese mester
de formación ecoloxista [i económica], si é que se dá o caso. Outra
das actividades prácticas consiste en facelos participar nas tareas
propias dalgunhas granxas que fan pedagoxía das tareas que conleva
a crianza de ovellas ou a fabricación de perfumes. A confección
de cestos de vimio e o estudio de ecosistemas próximos, forma parte,
tamén, dese maxisterio. Sei dun grupo escolar que estos pasados
días aprendeu, nunha desas granxas, o proceso que se sigue coa lá
das ovellas: a rapa, o lavado, a carda, o fiado na róca, o tinguido
e cómo tecela nun tear tradicional. Aínda sendo unha educación primaria,
non hai dúbida de que a lección pode poñelos ante un proiecto de
futuro e de riqueza certos e verdadeiramente sustentable. Que se
nos diga que esos pequenos/as poden conforma-lo exército de salvación
ambiental da nosa terra, parece unha tomadura de pelo.
¿Qué poden facer ante situaciós extremas que requiren a presencia
célere do Seprona ou da Policía Autonómica, cando Galicia está a
sofrir agresiós de carácter urbanístico, ambiental, ou se ve sometida
á contaminación sen fin? ¿Qué poden facer eles cando a salvagarda
da costa parece máis unha leria que outra cousa, ata o punto de
que a Dirección Xeral de Costas do Estado parece non existir? ¿De
qué vale que compren algunha que outra finca se non existe a decisión
de defrontarse co proceso de aniquilación das nosas rías, xa en
fase terminal? ¿É que non hai responsables? Ó mellor, a esos pequenos
e pequenas habería que lles explicar que os políticos son os grandes
culpables de que non se poña fin ó enzudramento dos ríos e das fontes,
ou da que parece unha decisión firme do poder de converti-lo litoral
nun perfil contínuo de formigón; explicarlles tamén o aviso de Green
Peace, a corrupción urbanística que tenta construir na nosa beiramar
e nos próximos anos 800000 novas casas.
Decirlles tamén ós máis cativos e cativas que son as forzas económicas
próximas ó poder [ou o Poder mesmo] as que están a posibilita-lo
desastre terminal desta terra na que os políticos non queren blinda-la
Constitución, convertirse na súa real sentinela; que incluso lles
doe que algún grupo tente xudicializar asuntos nos que a propia
Administración aparece "tocada", como se telumbra no tema
Reganosa, na cuestión dos depósitos de gas instalados en Mugardos,
instalación na que se dá o que os pequenos e pequenas entenderían
ben: a nulidade radical. ¿Pero qué pensar destos políticos que nun
alarde de pedantería estrean vehículos ecolóxicos ó tempo que autorizan
o que as xentes do Caurel [reserva de vida] veñen denunciando, o
desgarro daquela bisbarra con vocación de parque natural: a explotación
a ceo aberto da canteira da Campa, [que leva 20 anos arrasando e
contaminando aquel templo] que agora a Xunta, por razós económicas,
autoriza?. ¡Qué vergonza!.
En fin, habería que lles explicar ós nenos moitas "demencias",
tamén os megaproiectos en curso, sen estudio de impacto ambiental.
A natureza desaparece porque a van matando e o noso mar contaminado
coa colaboración das depuradoras contra-natura, pode ser, a corto,
un deserto de vida. Os peixes, de piscifactoría… E os políticos
a decirnos que han se-los máis novos os salvadores, pero cando sexan
criaturas medradas hanos aparcar, seguro, nos "espacios prá
reeducación", nos lugares do botellón nos que moita mocedade
vai perde-lo rumbo e quedarse talvez sen proiecto de vida. As lecciós
das granxas van quedar no esquecemento, sometidos desa volta a todo
o que "o botellón" conleva. Algún pode ter sorte i entrar
na Política pra nos lembrar que han sé-los nenos, os futuros homes,
os que salven a terra.
07/07/07
|