|
O
canon cultural de Ánxela Bugallo
| X. L. MÉNDEZ FERRÍN |
Tiven
a curiosidade de ler no FARO un interrogatorio sobre filias e fobias
ao que foi sometida a conselleira de Cultura por Tere Gradín. As
respostas de Ánxela Bugallo viron a luz hai xusto unha semana e
eu sigo sen saír do meu apalambramento.
Bugallo amosa as súas íntimas preferencias e os seus non menos íntimos
desagrados en materia cultural. As súas filias resultan as seguintes:
Maná, "Te recuerdo, Amanda" de Víctor Jara, García Márquez e a súa
Eréndida, o Bosco e o "Xardín das Delicias", Robert Redford... As
súas fobias declaradas son: Los del Río e "La Macarena", os spaghetti-western,
Vizcaíno Casas, Jim Carrey, Franco. Ou sexa, que a Ánxela Bugallo
somentes lle quedaba preferir El País e detestar El Mundo para completar
o perfil comunal dunha militante da Federación Madrileña do PSOE,
sobre todo porque o seu personaxe histórico favorito é o botánico
Antonio Casares, moi coñecido polos seus estudos da flora do Guadarrama.
Pro Ánxela Bugallo non é unha militante do PSOE de Madrid senón
a conselleira de Cultura que o BNG puxo na Xunta.
Do cuestionario de Tere Gradín tiramos a conclusión de que Ánxela
Bugallo despreza ou descoñece a cultura galega. Tanto o que ela
apreza como o que despreza é alleo: flamenco, hispanoamericano,
norteamericano, castelán. Falando de cine, unha concelleira nacionalista
non podía deixar pasar a ocasión sen mencionar Chano Piñeiro e calquera
dos nosos excelentes actores e actrices de hoxe.
A min paréceme moi ben que ela goste de Maná, tan politicamente
correcto como suave na contestación, e que se emocione con Víctor
Jara, camarada sempre, pero ela é conselleira dunha cultura na que
hai, en materia musical, cousas diversas como Mercedes Peón, Amancio
Prada, Macías, Pulido, Viaño, Milladoiro, Treixadura, Montes, Núñez,
Abe Rábade, Del Adalid, até mesmo o mestre Grova e as bandas marcianas
do señor Foxo. Certo que García Márquez é un grande escritor e moi
amigo de Fidel Castro (este cronista admira ambos desde sempre),
pero en Galicia existe unha literatura escrita nunha lingua propia
na que a conselleira debería ter visto algo de valor, de Meendiño
aos novos poetas das Redes Escarlata, e non só, pasando se cadra
por Rosalía de Castro, a cal non precisa entrar por cota xenérica
en ningún canon. Ningún lle vai gañar ao cronista en admiración
polo Bosco, abofé; pro a cultura galega pode ofrecer á admiración
do mundo un Mestre Mateo e nos nosos días pinta en Armenteira Leopoldo
Nóvoa, por citar un só artista galego contemporáneo. Só cita Bugallo
dous nomes galegos: o de Franco e o do botánico Antonio Casares,
quen, ao revés do Padre Merino, non se ocupou específicamente de
flora galega. Puido a conselleira fixarse en científicos que estudaron
a natureza con ollos patrióticos, como López Seoane, Parga Pondal
ou Luis Iglesias.
Para Bugallo non hai cultura galega. Auto-odio, complexo de inferioridade,
ignorancia do propio? Non sei que decer; síntome confundido. O retrato
que deseña a entrevista é o dunha persoa colonizada, por lle pedir
emprestadas as verbas a un grande escritor anti-imperialista. Representa
o canon cultural de Ánxela Bugallo a mentalidade dominante hoxe
no BNG? Ou preguntando de outra maneira: respondería Xosé Manuel
Beiras, ás preguntas de Tere Gradín na mesma liña que Ánxela Bugallo?
Ou mellor aínda: é o BNG un partido que considere, con Xohán Vicente
Viqueira, que Galicia non é un arrabaldo senón un centro? Iso sí:
parece que haberá selección galega de fubol.
03/09/05
|