|
A
acuicultura que desfai o litoral
| Xesús
López Fernández |
O
Plan Sectorial de Parques de Tecnoloxía Alimentaria nas costas galegas
fora aprobado polo goberno de Fraga coas elecciós xa perdidas e
impugnado por Salvemos Pontevedra ante o Tribunal Superior de Xusticia
de Galicia por entender que estaba redactado á carta, porque só
así se entendía que certas empresas resultasen especialmente favorecidas.
O plan conculcaba, ademáis, a Lei 10/1995 de Ordeación do Territorio
na que se amparaba. Tampouco respetaba a Lei 15/2004, modificadora
da Lei 9/2002, de Ordeación Urbanística e de Protección do Medio
Rural de Galicia nen aportaba un estudio da legalidade dos establecementos
actualmente instalados, ós que o plan daba carta de natureza aínda
presentando graves irregularidades, como comentaba Francisco Díaz
Sánchez, presidente de Salvemos Pontevedra en El País o 14.03.07,
no que tamén se fai mención do arraso de Cabo Vilán por Stolt Sea
Farm, sen noticias da intervención da UE, por se tratar dun espacio
natural.
Resulta oportuno
volver outravolta sobre o tema cando se acaba de cerra-lo prazo
prá presentación de alegaciós ó novo Plan Sectorial do bipartito,
tramitado como modificación do anterior. Salvouse Touriñán, de momento,
pero a presentación desta volta de máis de mil alegaciós sorprende
ó persoal da "mellor profesión do mundo" que comprende
que agora as xentes están avisadas de que, pola vía da expropiación
forzosa amparada pola supramunicipalidade do Plan, estarían a faceren
burla deles. Expropiaciós do orde dos tres euros por mt2, pra poñe-los
solares a disposición incluso de empresas extranxeiras que poderían
ser subvencionadas. E non se pode xustifica-la construcción de macrogranxas
na beiramar pra se carga-la costa cando esas empresas non teñen
que estar necesariamente no litoral, xa que por medio dunha tubería
poderían bombea-la auga a terra adentro e, xa que son tan "inocuas",
mediante circuíto cerrado seguirían a face-lo seu negocio, a triplica-la
producción de rodaballos como quere Carme Gallego, a conselleira
de Pesca.
Como se sabe,
as alegaciós colapsaron o rexistro da Consellería. "Temos medo
de que os vertidos afecten ó percebe e outros mariscos", dixo
Xosé Xoán Bermúdez, presidente da asociación de veciños de Arou
(Camariñas), porque eles viven do mar e dunhas terras que lles queren
expropiar co Plan na man, que tamén denuncia a falta dun control
axeitado, algo no que incide Adega, con datos de análisis universitarios
de "altas concentraciós de fosfatos, sólidos en suspensión
ou nitratos que ameazarían os recursos dunha explotación tradicional
como o marisco, de maior calado local", de máis capital social.
Porque non é certo que se vaian crear moitos postos de traballo
coas 13 factorías previstas cando o número de traballadores por
pranta é moi corto. Algús falan incluso da perda de postos de traballo,
como fai Lola Romero, de Porto do Son, que chega decir, en relación
coa posible aprobación dunha macrogranxa no litoral, que se perderían
na actividade autóctona, que moitos quedarían sen medio de vida.
Están dispostos a recurrir pola vía xudicial.
Moi crítico
tamén Manoel Santos en relación co que se quer facer en Laxe Brava,
Ribeira, ou en Corgo, como eles chaman á zona. Dí que é como lle
facer adosados á Catedral, que a propia zona onde se quer ubicar
é un territorio rico e virxe, que os veciños sempre respetaron.
Estratéxicamente, estaría fóra do Lugar de Interés Comunitario de
Corrubedo, porque a anterior Xunta deixou xa tendenciosamente o
espacio libre pra esas piscifactorías, plan á súa vez contraposto
ó de Medio Ambiente, que xa expresou a súa intención de amplia-la
zona de protección de Corrubedo. Poderiamos facer este traballo
interminable, pero rematemos co testimonio de Xosé Manuel Casais,
da asociación de Quilmas, Carnota. Di que se opoñen ó Plan por completo,
pero que non van tolera-la ampliación de Quilmas, que a mellor opción
sería que os deixasen a eles aproveita-lo litoral, como viñeron
facendo. Seguro.
03/09/07
|