| Envio de titulares | Agregar a favoritos | |
El artículo

A desfeita do Xallas
| Central Unitaria de Trabajadores |


Logo de que a Central Unitaria de Traballadores (CUT) informase o pasado luns de que os responsables da desfeita ecolóxica do encoro da Fervenza eran altos cargos da Consellería de Medio Ambiente que, a pesares de coñecer os dados de ocupación do encoro, fixeran oídos xordos. Veñen de sucederse declaracións en medios de comunicación que non fan outra cousa que deixarnos perplexos ante o cinismo das mesmas.

Así, á CUT lle parecería risible senón fose triste, que o Sr. Delegado Provincial de Medio Ambiente da Coruña, o Sr. D. Manuel Tajes, faga balance dun tremendo desastre ambiental en quilos de peixe e medidas, como se non se tratase máis que dunha poxa na lonxa. Estas declaracións amosan o total descoñecemento sobre a biodiversidade e o medio natural que ten unha persoa que dirixe as actuacións da Consellería de Medio Ambiente na Provincia da Coruña, nunha desfeita ecolóxica sen precedentes e da que o río Xallas non se recuperará en moitos anos.

O Sr. Delegado Provincial xa nos tiña acostumados aos traballadores de Medio Ambiente, a escorre-lo vulto ante os problemas laborais que cada día aumentan por unha falla de diálogo, que entendíamos como unha actitude pola súa banda, pero que agora, ante o caracter pueril das súas declaracións públicas, entendemos máis como un síntoma de ineptitude para afrontar calquera problema. Por outra banda, as declaracións do Sr. Santiso, Secretario Xeral da Consellería de Medio Ambiente e Presidente de Augas de Galicia, son inauditas.

Di o Sr. Santiso ante os medios de comunicación que a empresa non “avisou” á Consellería do nivel de auga do encoro, nin que a pesares da seca variou (reduciu segundo as súas palabras) o nivel do caudal ecolóxico. Ante estás abraiantes declaracións, dende a CUT lle rogamos ao máximo responsable de Augas de Galicia que revise de cando en vez os dados facilitados ao seu departamento e que se informe sobre o que di a lei de pesca fluvial sobre o caudal ecolóxico.

Dende a CUT non vamos a repetir outra vez os dados que recolle a web de Augas de Galicia, onde o día 5 de novembro aparecía o encoro coa máis que alarmante cifra do 1,03% de ocupación (cifra que coñecía Augas de Galicia), pero si lle vamos a lembrar ao Sr. Santiso que a empresa non pode variar o caudal ecolóxico baixo unha sanción que pode chegar aos 50.000.000 das antigas ptas. No momento que suceden os feitos, o caudal ecolóxico marcado para ese encoro era de 1,367m3/s e o aporte de auga que chegaba do río era de 0,36m3/s algo que, sen coñecer moito as matemáticas, indicaba claramente que o cauce da Fervenza ía secar por completo, sen que a empresa, por moito que quixese, puidera facer algo por remedialo sen cometer unha infracción, cualificada como moi grave, pola lei de pesca fluvial.

A solución ao problema estaba nas mans da Consellería de Medio Ambiente, que neste caso mirou para outro lado ate que os feitos saltaron aos medios de comunicación.

Na CUT estamos acostumados a que, tanto o Sr. Tajes como o Sr. Santiso, tenten escorre-lo vulto. Dende que o Sr. D. Jorge Santiso foi nomeado Secretario Xeral da Consellería négase a dialogar cos representantes lexítimos dos traballadores, e incluso iniciou unha persecución sindical na que dous traballadores foron expedientados, por orde directa del, baixo ameaza de despido, polo que consideramos que tras este desagradable incidente e da sucesión de falsidades e medias verdades contadas á opinión pública, tanto o Sr. Santiso como o Sr. Tajes, deberan ter un pouco da dignidade que lle negan aos demais, e presentar a súa dimisión.


14/11/07

No hay comentarios

 

©Galicia en PáXinas S.L.
Todos los derechos reservados
.-E-mail: info@noticiasgalicia.com Optimizada para 1024 x 768 píxels.
Aviso legal  | Departamento Publicidad | Tarifas Publicidad