|
A
Cidade da Cultura
| VÍCTOR F. FREIXANES |
Hai algúns anos, falando co arquitecto Ricardo Bofill, a
quen tiven ocasión de asesorar parcialmente no proxecto que
presentou a concurso para a Cidade da Cultura, este recoñeceume
a súa confusión pola ausencia dun proxecto claro respecto
dos contidos da grande obra que se lles estaba a encargar. "¿Qué
queren facer ai?". Ninguén llelo explicou, a ningún
dos concursantes. No caso de Bofill, polo menos, non estaba claro:
¿unha escenografía? ¿un gran espazo arquitectónico?
¿un xigantesco contedor? ¿Para qué? Naturalmente, eu non
tiña información nin estaba en condicións de responder
a unha pregunta que, non obstante, consideraba (e considero) fundamental.
¿Qué proxecto cultural, estratéxico, de actuacións
e contidos (algo máis ca un simple reparto ou asignación
de espazos), inspirou (e inspira) semellante investimento?
Pasaron os anos, levantáronse as torres de Peter Eisenman,
movéronse toneladas de terra no monte de Gaiás, licenciáronse
os cartos (bastantes máis dos inicialmente orzamentados),
mudou o goberno que inspirou a obra e seguimos sen unha resposta
clara á pregunta: ¿qué destino ou utilidade real se
pretende para a Cidade da Cultura? Daquela púxeno tamén
por escrito. A referencia ao Guggenheim de Bilbao era inevitable.
Repaso os titulares dos xornais galegos daqueles anos: Montaña
Máxica, Factoría da cultura e do espectáculo,
Buque insignia, Símbolo do Novo Milenio ... Ninguén
concretaba máis nada.
No ano 2000 visitei a cidade de Nova York e puiden admirar o proxecto
que a fundación Guggenheim tiña para levantar un novo
espazo cultural no sur de Manhattan, perto da ponte de Brooklyn,
e impresinoume a metodoloxía dos seus promotores: programa
de contidos, espazos perfectamente definidos, calendario de actuacións,
obras e artistas implicados e, sobre todo, a previsión da
súa explotación económica, recuperación
de investimentos e, moi especialmente, os cálculos de utilidade
social e mesmo de ocupación laboral e ingresos económicos
que a instalación prevía nun horizonte de dez e quince anos.
Nada parecido ao que estabamos facendo aquí. O novo Guggenheim
(xa existe un a carón de Central Park) non chegou a levantarse,
en parte polos acontecementos do 11-S, que trastocaron todas as
estratexias previsibles na cidade, pero o seu deseño, a súa
utilidade e, o que me pareceu máis importante, a súa
explotación e rendibilidade (tanto en termos culturais como
en termos económicos) estaban perfectamente calculados.
Cinco anos despois, irremediablemente, volve abrirse o debate. ¿Qué
facer con semellante espectacular carcasa? As torres asoman contra
o horizonte da vella Compostela coma unha interrogación inquietante.
¿Con que recursos rematala? ¿Con que diñeiros mantela activa
despois? ¿Con que contidos e programas? A principal crítica
que moitos lle fixemos no seu día á política
cultural da anterior administración galega foi a súa
enganosa tendencia ao espectáculo: a cultura como fachada
(concertos, recitais, grandes fastos) no canto dunha cultura de
base sobre a que contruir realmente unha operatividade social (infraestruturas,
programas de actuación, persoal cualificado para atender
as instalacións existentes, obxectivos a curto e medio prazo,
dinamización da sociedade civil, etc.). O que está feito,
feito está. Non serei eu quen propoña derribalo, nin
deixar as cousas a medio acabar. Pero agora hai que encher todo
iso de contidos. Parece unha obviedade. En realidade é un
apasionante desafío.
lavozdegalicia. 08/10/05
|