| Envio de titulares | Agregar a favoritos | |
El artículo

Pasarelas converxentes
| Xesús López Fernández |


Disparate. Refírome, neste tempo de campaña, á presunta coincidencia de intereses na construcción de dúas pasarelas que abranguen as marismas de Lourizán: a pasarela de ferro, a vía do tren no seu día apoiada por PP e BNG e a outra pasarela, a que vai polo tramo d´Os Praceres, posibilitada polo PP, que o BNG local quer continuar ata As Corbaceiras, dúas presuntas formas de conculca-la Lei de Costas coa esperanza, talvez, de que aquel espacio acabe en gran solar, en gran pelotazo, ó tempo que non se fai o necesario pola reposición da legalidade, por rexenera-lo noso mar, cada vez máis zona C, do que podemos ter un telumbre anticipalista na escea representada n´O Brado, de Edvard Münch, co novo treito de senda agora promocionado. Un individuo, en primeiro plano, aparece horrorizado diante do decorado dun fiordo ou ría que é xa un gran tremedal que se vai estrando, mentres dous homes permanecen demorados, pode que dexergando as posibilidades do espacio como futuro solar arrebatado ó mar.

Dunha forma ou doutra, o tema está na campaña electoral, ora en debates que máis parecen partidas de póker, porque non se demanda o cumprimento de sentencias nen se fai defensa da Lei, da necesaria reposición da legalidade basada no Raminp, en vigor, e a Lei de Costas, de obrigado cumprimento e da que se fai un desleixe sistemático ou, si se quer, disparatada negación. Aínda estos pasados días reuníronse, en Radio Voz, catro representantes políticos e sindicalistas pra falar do tema Ence, mentres permanece en vigor o decreto Fraga de supramunicipalización, de cando nos quixo colocar aquí a papeleira, e non se aduviña unha clara intención na Xunta de que as cousas cambien, como si estiveran embarcados na mesma idea. Eso é un dato obxetivo, como tamén o de que permanece o areal como zona C, non apto pró marisqueo como se pode apreciar, tamén, no cadro de Münch. Na conversa de Radio Voz parece que só Telmo Martín falou de abrir Pontevedra ó mar, que incluso chegara decir, nas pasadas elecciós, que a edar d´Os Praceres debería desaparecer daí e que, lembremos, carece de autorización pra actividade ambiental integrada.

Nunha visita da campaña, dous concelleiros do BNG achegáronse, tamén estos días, á parroquia de Lourizán, a lles promete-la prantación de árbores naquel espacio polo que, ilegalmente, pasa o tren que, curiosamente ese día, cando estaban alí, acodeu á cita, 11 da mañá, o que sirveu pra lle lembrare ós veciños que aqueles propagandistas, mensaxeiros de carballos e oliveiras, non eran inocentes. E así llo diría polos micrófonos da Cope un portavoz veciñal, o pasado 25; que se algo agardaban da parroquia, terían que ter traballado polo levantamento da vía, sobre o que existe sentencia firme do Tribunal Supremo. E haberá, sí, que ordea-lo espacio todo, rexenera-la praia, a partir do momento no que se acabe coas agresiós sofridas.

Os recaudadores de votos non están a asumi-lo tema ambiental como asignatura de obrigatorio estudio. Únicamente así e coa reposición da legalidade poderían ser creadores de riqueza e calidade de vida prá parroquia mártir de Lourizán e o concello todo. Pero coa idea de manter en uso a pasarela de ferro ou delonga-la de madeira ata As Corbaceiras non se fai un discurso válido. Como tampouco coa alternativa que a conselleira de Pesca propón ás mariscadoras do banco de Lourizán dunha depuración acelerada, por lotes de 200 kg pra así, en definitiva, non actuar na defensa e recuperación do capital natural, que sería o gran rexenerador, deber marcado pola Axenda21Local como xa temos apuntado algunha vez, instrumento democrático básico prá elaboración do novo PXOM de Pontevedra. Desgraciadamente, o cadro de Münch parece unha visión anticipalista do que aquí nos agarda: unha ría a se retorcer ó tempo que se torna nun gran tremoedo, mentres ó seu Sur vaise deseñando o gran solar, agora enorme chousa antre pasarelas.

28/01/08

No hay comentarios


©Galicia en PáXinas S.L.
 | gpx.es | noticiasgalicia.com | ViajarGalicia.com | parquenaturalislasatlanticas.com | vinosgallegos.net | golfgalicia.net |
| directoriowebsgallegas.com | pueblosdegalicia.com | confidencialgalicia.com |
Todos los derechos reservados
.-E-mail: info@noticiasgalicia.com Optimizada para 800 x 600 píxels.
Aviso legal  | Departamento Publicidad