O
BNG despreza a vontade popular
| Asociación Galega de Amizade con Israel |
A Asociación Galega de Amizade con Israel (AGAI) quere manifestar
publicamente a súa solidariedade co seu asociado Abel García nestas
circustancias sen dúbida difíciles que o levaron a presentar a súa
dimisión como concelleiro do BNG. Cando alguén despois de anos de
traballar arreo, decide abandonar as súas responsabilidades institucionais
e a súa militancia nunha organización, faino sempre como última
opción. Desde AGAI comprendemos a situación xerada pola inxustificábel
decisión do BNG de impedir a aprobación dunha declaración institucional
no Parlamento de Galicia de condena do Holocausto nazi e de recordo
ás súas vítimas, veto do BNG que supera sen dúbida para moitos militantes
no seo do BNG, unha liña vermella cara a non se sabe onde.
En relación coas manifestación feitas a diferentes medios de comunicación
polo portavoz do G.P. do BNG, D. Carlos Aymerich, nas que afirmaba
que se AGAI quere propoñer calquera iniciativa ao noso Parlamento
debe presentarse ás eleccións, a Asociación Galega de Amizade con
Israel (AGAI) quere salientar que se trata de afirmacións que, ademais
de impropias dun portavoz dun grupo parlamentar, manifestan un soberano
desprezo á vontade cidadá. No delirante argumentario do Sr. Aymerich
se deduce que os Partidos só deben atender as súas propias iniciativas
e non escoitar as que desde os movementos sociais e cidadáns lle
poidan facer chegar. Confiamos que esta boutade do Sr.Aymerich sexa
só unha brincadeira máis propia de quen busca a fichaxe en algún
programa nocturno que un principio de actuación para o Bloque Nacionalista
Galego.
A Asociación Galega de Amizade con Israel (AGAI) lamenta que unha
actuación irresponsábel do G.P do BNG co Sr.Carlos Aymerich na portavocía,
teña outorgado un protagonismo negativo a que é a Casa Común de
todas as galegas e galegos, ao se converter no único partido de
toda Europa, con responsabilidade de goberno, que impide a aprobación
dunha Declaración institucional semellante á que cada ano, dende
hai sete, se ven facendo pola Asemblea de Madrid, ou nos últimos
anos polo Parlament de Catalunya, as Cortes españolas e a práctica
totalidade das Cámaras lexislativas dos países civilizados.