Case tódo-los días chéganme correos electrónicos de Google, alertas
sobre novos problemas ecolóxicos, de que decote estamos máis nun
mundo en regresión. E diríase que os gobernos non queren tomar conciencia
das medidas a adoutar pra ver de evita-la fin á que parecemos abocados.
Non poucas das alertas fan referencia a información tirada do último
estudio do Worldwatch Institute, A Situación do Mundo 2008, a edición
do 25 aniversario do Instituto que ten laborado por marca-la necesaria
folla de ruta pra esta sociedade global que, por esquece-los obrigados
deberes en materia ambiental, pode atoparse na situación extrema
de non ter xa conciencia "pra critica-lo sistema económico
do século XXI, dado o nivel de confort, de comodidade e de oportunidades
sen precedentes proporcionado pola economía mundial ó longo dos
cen últimos anos". Así comeza o capítulo 1 do devandito estudio,
titulado "A sementeira dunha economía sustentable".
O libro ten 14 capítulos e diversos apéndices, traballos densos
que haberá que ter como referencias a consultar no acordeón que
vai dende o primeiro ata o apéndice que analiza "A economía
crítica e solidaria: perspectivas teóricas i experiencias prá construcción
dunha economía alternativa".Pero regresemos ó capítulo primeiro,
no que Gary Gardner e Thomas Prugh estudian con cifras o crecemento
da economía e da esperanza de vida, de cómo a sustitución do traballo
persoal pola maquinaria, tractores, excavadoras, acabou prácticamente
coas tareas máis duras, mentres que o coche, os aviós, os ordeadores
e o teléfono de peto ofrecían novas i estimulantes oportunidades
de traballo e de vida, portentos que parecían evidentes, pero......
Pero outros indicios apuntan a que o sistema económico convencional
pasa por grandes problemas e require unha urxente transformación.
E os autores repasan unha serie de de efectos consecuencia da actividade
económica moderna, que teñen sido enumerados nos últimos 18 meses,
procesos de evidente aceleración:
1.O nivel de CO2 na atmosfera máis elevado dos últimos 650000 anos,
a temperatura da Terra, camiño de niveles desconocidos en millóns
de anos e pró 2020 a capa de xeo do océano Ártico podería desaparecer
durante o verán; 2. Unha de cada seis especies de mamíferos europeos
está ameazada de desaparición e as pesquerías de tóda-las especies
mariñas poderían colapsarse no 2050; 3. O número de zonas mortas
dos océanos por falta de osíxeno ten aumentado de 149 a 200 nos
dous últimos anos; 4. A contaminación atmosférica urbáa é causa
da morte prematura de dous millóns de persoas por ano; 5. O esmorecemento
da poboación de morcegos e abellas, e outras especies polinizadoras,
sobre todo en Norteamérica, está poñendo en peligro cultivos i ecosistemas;
6. O petróleo. Estímase o zenit da súa producción nun límite de
15 anos.
Quedan moitas cousas por sinalar como é a incidencia da acción do
home sobre a paisaxe, o litoral, as augas doces, as zonas húmedas,
o urbanismo demencial, etc. Cando a UE se dispón a adoutar unha
serie de medidas en contra do cambio climático, asumido que o mesmo
actúa como multiplicador de ameazas, suporá un gran esforzo vence-las
inercias de tanto mal como levamos vivido. Mentres o home vivía
coa natureza e da natureza, o desenvolvemento sostible era unha
realidade certa. A soberbia levouno á situación extrema na que terá
de reinventa-la sustentabilidade. A Igrexa, cada vez máis ecoloxista,
lémbranos "Non contaminarás", en sintonía co apuntado
por Galelano en "El derecho de soñar": "La Iglesia
también dictará un undécimo mandamiento, que se había olvidado al
Señor: Amarás a la naturaleza, de la que formas parte". O tema,
a necesidade de cambiar de pautas, de nos achegar á natureza con
respeto, queda apenas insinuado neste traballo. Podemos estar, talvez,
no umbral do cambio necesario. Se aínda estamos a tempo.