Desaceleración
e Progreso Xenuíno
| Xesús López Fernández |
Resulta que sí, que a desaceleración económica está aí. Realmente
estaba xa connosco dende hai máis dun ano, algo que dalgún xeito
intentaron solapar con mensaxes non libres dunha certa prepotencia:
negando datos, falando dun PIB irreal, afirmando que, en todo caso,
podería haber problemas de incidencia puntual, pero superables por
medio dos oportunos reaxustes. Mais agora acaban de concretarse
cifras que, según os analistas, son indicadores de que teremos crisis
pra longo, que a perda de emprego pode, talvez, acada-los 750000
postos de traballo no sector da construcción, en dous anos. Simplemente
e no sector de vivenda, por cada unha que se deixe de construire,
estímase a perda dun posto e medio de traballo. A noticia de que
no mes de xaneiro reduceuse a construcción de vivendas novas nun
50% confirma brutalmente a tendencia á baixa que no 2007 foi dun
24,40%. Son novas destos días, como a de que o superávit do Estado
cae un 27% ata febreiro pola crisis inmobiliaria, os ingresos por
IVA baixan un 10% e o gasto público sobe un 17,2%.
Pero é que a desaceleración non só depende do mercado do ladrillo,
pois tamén afecta á creación de novas sociedades. Así, no 2007 constituíronse
6000 empresas menos que no ano anterior, o primeiro descenso anual
deste indicador na presente década. Mentres os promotores prevén
unha baixada do precio da vivenda do 8% este ano, algún empresario,
ante a desaceleración declarada, comezou a promove-la venta de vivendas
por medio de subastas á baixa, chegando a materializarse operaciós,
por esta vía, cun 30% de desconto sobre o precio de mercado. E agora
xa se fala dun PIB pra este ano que pode andar por un 2,50%, lonxe
do 3,10% que non hai moito manexaba o señor Solbes. E a un maior
PIB, máis benestar individual, en función da renta "per cápita",
que "grosso modo", sería o resultado de dividir o producto
estatal polo número de habitantes. Pero, según citamos nun traballo
anterior, o PIB non considera unha serie de datos como: a depreciación
do capital, a contaminación ambiental, a desigual distribución do
ingreso, actividades productivas que afectan ó benestar pero non
xeran transacciós --os traballos das ONGs ou das amas de casa--,
etc.
A moderna economía válese dun novo indicador, o IPX --ou IPG--,
Indicador do Progreso Xenuíno, deseñado pra medi-lo benestar sustentable,
en sustitución do PIB como criterio de evaluación do progreso económico,
pra valorar así as actividades non contabilizadas polo mercado pero
que representan un beneficio real prós individuos e as familias.
E a contabilidade do IPX dos Estados Unidos e outros países evidencia
un abismo crecente co PIB a partir da década do 1970. Os economistas,
según informa o Worldwatch Institute, chaman a esta diverxencia
o "efecto umbral" que implica que a partir de certos costes
ecolóxicos sobardan os seus beneficios de carácter ambiental. Teñamos
presente o estudio dunha organización americá, Redifining Progress,
que ten desagregado o IPX do seu país no ano 2004. Daquela, o IPX
norteamericán sería de 4,4 billóns de dólares, comparado con un
PIB duns 10,8 billóns, o que representa que máis da mitade da actividade
useña daquel ano foi insustentable e non contribueu a un verdadeiro
progreso.
Estamos nun momento crítico. Partimos dunha situación de depresión
longa, apantallada pola euforia do ladrillo, riqueza dalgús, hipotecas
vitalicias de moitos. A ver qué grupo leva ó Congreso a información
sobre o crecemento económico en base ó IPX. Un cambio de política
económica podería supór a fin da probeza en sectores amplios. Todos
percibimos a sobida imparable dos precios, e os políticos tamén,
aínda que, por "extrañas" razós, sigan abonando o mundo
do ladrillo. ¿Non se sobiron o pasado ano 15000 euros os altos cargos,
aquí, en Galicia? ¡Probiños!. Pra eles e pra este momento vale o
chiste acedo, de Caín, en La Razón do 29.3, no que tres persoaxes
inidentificables comentan: "Los políticos controlamos más eficazmente
nuestras tasas de desempleo que el proletariado las suyas, Sí."
Ese parece o seu gran pacto de Estado mentres os mileuristas dependen,
case sempre, da renovación dun contrato pecario. Prós políticos
non hai desaceleración. Non lles afecta.