|
A
responsabilidade de ser nación (III): Lavar as mans
| CAMILO NOGUEIRA |
Os que temos
a Galiza pola nosa nación, mirando con liberdade para a historia
e a realidade presente e manifestando unha vontade democrática,
queremos un Estatuto que lle recoñeza ese carácter, contando coas
competencias e a capacidade de decisión necesarias para construir,
sobre o xa feito, un país próspero e unha sociedade xusta e solidaria.
Se polo rechazo dalgún partido non fose posíbel un Estatuto de nación,
o BNG non pode subscreber unha reforma estatutaria menor, que non
resolvería nada. Mellor sería desenvolver o autogoverno por outras
vías políticas e legais, mantendo a bandeira reivindicativa do Estatuto
de nación entanto que se fortalece democráticamente a vontade política
nacional. Evitaríase así, ademais, o descrédito da condición de
Galiza como nacionalidade histórica e a banalización da autonomía.
Faise esta reflexión ao fio da apresentación polo BNG dunha proposta
de novo Estatuto que afirma no Preámbulo e no Título Preliminar
o carácter de Galiza como nación, en consonancia cos seus principios
fundacionais e a súa estratexia de autodeterminación, continuando
a historia de século e meio do movimento nacional galego.
A proposta do BNG é, tamén, coerente co previsto nas Bases Prográmaticas
de Governo PSOE-BNG, nas que estas formacións partillan a convicción
de Galiza ser "unha comunidade de carácter nacional no marco dun
Estado plurinacional". En función dos textos do acordo e do marco
político en que se produciu, pódese afirmar que cando se fala do
carácter nacional de Galiza non se trata simplesmente de ratificar
a súa condición de nacionalidade, consagrada legalmente no vixente
Estatuto e derivada políticamente do recoñecimento constitucional
do Estatuto aprobado na II República: trátase de profundizar no
conseguido, propondo unha convivencia plurinacional que confirme
o carácter das diversas nacións do Estado. As Bases incluen a revisión
do Estatuto de Autonomía de 1980, manifestando a vontade de "facelo
coa participación de todas as forzas galegas con representación
parlamentaria".
Resulta razoábel que PSOE e BNG queiran contar co concurso dun Partido
Popular que, ainda perdendo o Governo, segue a ser o primeiro de
Galiza. Mais é evidente que aquela manifestación non pasa de ser
unha pura declaración de principios: dada a exixencia estatutaria
dos dous terzos dos membros do Parlamente de Galiza, a participación
do PP é imprescindíbel para aprobar un texto de reforma do Estatuto
antes de envialo ás Cortes do Estado e submetelo a Referendo. Os
Grupos que sustentan o Governo non contan cos dous terzos que si
atinxirían cada un deles co Grupo do PP.
Chegados aquí é preciso dicer que as cousas principiaron mui mal.
O Governo non pode lavar as mans, eximirse das súas responsabilidades,
declararse estraño á elaboración dun proxecto de Estatuto conforme
o aprobado nas Bases Programáticas que permitiron a investidura
do Presidente e súa mesma existencia. Non serve de nada a extravagante
e anecdótica solicitude dun texto estatutario ao Consello Consultivo,
que nen foi criado para iso, nen é quen políticamente de cumprir
o encargo. Peor cualificación merece, ainda, a decisión de que o
lugar do primeiro entendimento entre as organizacións no Governo
sexa a ponencia que elaborará a proposta de Estatuto que se quere
de nación.
Sabendo que o PP é renuente a recoñecer o "carácter nacional de
Galiza no marco dun Estado plurinacional", con todo o que isto conleva
de responsabilidade e de poder de decisión político, económico,
fiscal, lingüístico, xurisdicional e internacional, PSOE e BNG deberon
comezar o proceso de reforma elaborando unha proposta conxunta.
Se se toman a serio as Bases Programáticas do Governo, PSOE e BNG
teñen que apresentar un proxecto de Estatuto que recolla o carácter
nacional de Galiza e un articulado destinado a impulsar o desenvolvimento
da sociedade galega, a transformación social e a autoestima, desde
a confianza nas proprias forzas e unha vontade solidaria. Terían
que apresentalo en positivo e con convicción democrática, non á
defensiva e con as mil reservas que habitualmente se formulan.
Un acordo previo entre as dúas organizacións, coñecido e valorado
pola xente, constituiría o camiño praticábel para convencer o PP
da necesidade de elaborar unha proposta de reforma do Estatuto que
recoñeza o carácter nacional de Galiza, situandoo no nível político
dos de Cataluña e Euskadi, como lle corresponde ao país e resulta
necesario nesta conxuntura singular.
Se a apresentación polo BNG da súa proposta de novo Estatuto é considerada
como parte dese proceso, o PSOE pode facer outro tanto, poñendo
as súas cartas riba da mesa e procurando un acordo, tal como se
fai con proxectos de lei que non teñen a extraordinaria transcendencia
dun texto estatutario.
A posta en marcha dunha ponencia conxunta no Parlamento sen un acordo
político previo entre o PSOE e o BNG non garante un resultado respeitoso
das Bases Programáticas. Pode ser causa dun fracaso e incluso dun
fracaso conflitivo. Unha observación responsábel das circunstancias
e das posicións políticas permite comprender que un entendimento
entre o PP e o BNG deixando fora o outro partido resulta impensábel,
como tamén o sería un pacto entre o PP e o PSOE excluindo as posicións
do BNG, que respondería á dialéctica política española e a determinados
intereses de grupos de poder galegos contrarios ao Governo actual
e ao Estatuto de nación, negando un elemento básico no acordo entre
a esquerda e o nacionalismo. Unha combinación PP-PSOE deste carácter
faría inevitábel a crise do Governo PSOE-BNG.
Non vai resultar doado resolver tal situación. Non axuda o palabreado
irresponsábel (a vía galega, o sentidiño, Galiza entre Extremadura
e Cataluña, non pasa nada por chamarse nación, sosego e serenidade....)
que se utiliza para agochar os obxectivos queridos ou esquecer as
contradicións existentes. Se o Governo quere respeitar os acordos
que o fundamentaron, antes de tratar co PP procurando un entendimento
ten que construir unha posición unitaria dandoa a coñecer á sociedade
galega. Se o resultado no Parlamento respeita as Bases Programáticas
de Governo, o nacionalismo debe aprobalo. Se non é así, non.
Esquerda Nacionalista. 17/12/05
|