...e seguen os cheiros en Ribeira Prepotencia, soberbia e
tempo perdido . Xosé
Luís Groveiro Concelleiro do BNG de Ribeira
Causa
asombro a prepotencia coa que o Goberno Municipal trata á
cidadanía de Ribeira. As queixas denunciando os abafantes
e insalubres cheiros son numerosas, case continuas...e veñen
de vello. Teñen polo menos tantos anos como os que o Partido
Popular leva "gobernando" este Concello. Aínda que
non tantas como as queixas, son igualmente numerosas as iniciativas
do BNG reclamando actuacións que poñan solución ó problema,
que as hai. Mesmo desde a oposición temos demostrado que é
posible reducir e mesmo eliminar tan molesto problema. Sabemos
que as causas son múltiples e, polo tanto, as solucións complexas,
pero posibles.
Por eso no pasado mes de outubro, o Grupo Municipal do BNG
presentou diante do Pleno da Corporación unha moción que instaba
ó Goberno a realizar, a través de empresa competente, "un
estudo técnico da situación da rede de sumidoiros (...)para
determinar as causas dos cheiros. Este estudo incluirá as
medidas correctoras que se propoñen para minimizar as molestias
existentes". Para a sufrida cidadanía ribeirense pode
parecer incrible pero o PP negouse a aceptar a proposta porque,
coma sempre, "xa estamos neso".
Nin que dicir ten que se fixeron actuacións na rede de sumidoiros
que, outra vez, resultaron ineficaces. Os cheiros volveron
ás napias dos residentes e ás páxinas dos xornais anunciando
ós catro ventos a incompetencia dos gobernantes locais. A
proposta do BNG era dabondo flexible e aberta como para ser
aceptada. A súa aprobación sería un primeiro paso para realizar
un estudo serio imprescindible de cara á solución do problema
e para non seguir dando paos de cego como está a facer desde
hai anos o Goberno local. Un estudio que sinale as deficiencias,
a forma de corrixilas e mesmo o orzamento necesario para levalas
a cabo.
Deste último apartado poderíase indicar, por que non?, a necesidade
de participación financeira por parte doutras administracións
aínda que para eso fose preciso modificar a actual política
de confrontación por outra máis efectiva de negociación e
xestión. Resulta sorprendente que, logo do último episodio
pestilente e das cada vez máis serias protestas cidadás, o
Goberno Local anunciase "a contratación a unha empresa
especializada dun informe (estudio técnico) e que ó mesmo
tempo ofreza as solucións (medidas correctoras) a este problema"
En fin, aquela proposta do BNG é agora, nove meses (perdidos)
despois asumida polo Goberno "popular" á caladiña,
non vaia ser que a xente descubra a fedorenta prepotencia
e a pestilente soberbia que abrollan dos sumidoiros municipais.
Por eso moito nos tememos que o primeiro obxectivo desta ultima
actuación do Goberno do Partido Popular sexa antes aplacar
os berros que evitar os cheiros.
04/07/08
|
|
|
|
|