Corrubedo 4N: Camiño da dignidade. Plataforma
Corrubedo
Dende
a Plataforma Medioambiental de Corrubedo, un dos moitos colectivos
que onte, 4 de novembro, marcharon en Corrubedo contra a desfeita
irreversíbel que pode supor o Plano Acuícola da Xunta, queremos
manifestar o noso orgullo por formarmos parte da Galiza digna,
da mesma que se move polo amor a terra e da mesma que se ergue
por fin e para sempre nun berro colectivo contra a violación
do mellor de nós, que son as nosas paisaxes, os nosos mares,
os nosos cantís, as nosas tradicións, a terra galega toda.
Non imos entrar na tradicional danza de cifras post-mobilización
porque calquera pode percibir que onte, en Corrubedo, no cabo
verde, houbo milleiros de persoas. Foi un éxito sen precedentes
nunha vila tan pequena como esta que onte, dalgún xeito, foi
a capital da dignidade dun país. Todas e todos os que se achegaron
onte a Corrubedo, os que encheron de orgullo térreo as rúas
desta pequena vila mariñeira, eran galegas e galegos dignos
cuio único obxectivo é amosar que cando o poder político non
cumpre co pobo, sexa cal for a súa cor, cando os apoltronados
do Hórreo traizoan o país, aí está o poder popular, a nación,
para lembrarlles que é en nós, nos do común, onde reside a
soberanía desta Galiza nosa. Sen nós, non hai goberno e sen
nós non hai país.
E nós, o pobo soberano, o que vive a pé de rúa, dixemos onte
en Corrubedo non só que o Plano Acuícola da Xunta é inaceptábel,
indecente e indigno, senón que o camiño autodestrutivo emprendido
polo noso goberno, non é o noso camiño. Cando milleiros de
persoas de todo o país, dende Ribadeo á Guarda e dende O Courel
a Corrubedo, conflúen nun afastado cabo como o noso; cando
tanta xente gasta horas e horas do seu tempo en ir berrar
a un dos fins da terra nosa, é que algo acontece. Cando asociacións
veciñais, pobos enteiros, sindicatos, colectivos ecoloxistas,
confrarías de pescadores, asociacións de mariscadoras e mergulladores,
intelectuais e artistas, marchan xuntos e sen fisuras nunha
causa común, é que algo moi grave acontece.
E abofé que algo moi grave acontece.O ritmo de destrución
de ecosistemas, paisaxes e mesmo aldeas e tradicións é escandaloso.
Nada xustifica roubar a terra ao pobo para entregarlla a empresas
depredadoras. Nada xustifica privatizar o litoral ao máis
puro estilo colonialista. Nada xustifica ir contra a vontade
de todo un pobo.
Onte, en Corrubedo, o país galego díxolles aos seus gobernantes
que xa abonda, que queremos outro modelo de desenvolvemento,
que queremos conservar o pouco que nos queda, que antes cás
siglas políticas, antes cós intereses económicos, está a vontade
da nación, a dignidade deste curruncho do noroeste peninsular
que onte, para ben ou para mal, comezou unha loita unitaria
pola dignidade porque aqueles en quen confiou o seu goberno
mudaron en cegos e xordos.
Si, este 4 de novembro, no afastado cabo do ollar largacío
que é Corrubedo, o pobo galego dixo: Galiza non se vende.
E xa non pararemos, por dignidade. Parabéns a todas e todos
e adiante, pois este é o camiño.
06/10/07
|
|
|
|
|