A CORUÑA
El Tiempo
OPINIÓN
Carta aberta ó Alcalde de Oleiros. Esquerda Unida

O alcalde de Oleiros di que votará polo PSOE ¿Está vostede, señor alcalde, con esta declaración, facendo abertamente propaganda electoral para ese partido político? Vostede di que vai votar polo partido socialista "para que non entre ó PP," en definitiva señor alcalde, vostede vota con medo ¿Ou é que o proxecto político socialdemócrata do PSOE é o seu mesmo proxecto político? Qué triste democracia esta onde o rexedor do meu pobo axeonllase ante as furnas facendo un chamamento ao voto do medo, ao chamado "voto útil" ¿Útil para qué, señor alcalde? ¿Útil para quén? ¿Qué pensará a señora Covadonga Díaz? ¿Vai facer vostede campaña con ela? ¿Qué pensaran os do PCTG (partido comunista das terras galegas) que lle deron, a vostede, señor alcalde, o seu apoio nas últimas municipais? Señor García Seoane, á dereita só podemos combatela con políticas de esquerda ¿sabe vostede de que falo cando digo "esquerda"? Privatizar servizos públicos, como vostede fai en Oleiros, e do que se vangloria, é de dereitas.

Actuar por decreto (aínda que sexa perfectamente legal) saltándose as decisións da maioría dos grupos municipais que rexeitaron no pleno o proxecto do auditorio en Bastiagueiro, é de dereitas. Facer contratos en fraude de lei aos traballadores, como se fan neste concello, polo que a propia inspección de traballo impuxo unha sanción, xa non é que sexa de dereitas, e que é unha ilegalidade. "Coaccionar" nun pleno a unha concelleira co fin de que mude o sentido do seu voto, é unha actitude de dereitas. Difamar ao presidente do comité de empresa, facendo políticas antisindicais, porque defende os dereitos e intereses dos traballadores, é de dereitas. Facer de Oleiros o barrio rico de A Coruña, cun urbanismo que non propicia a cohesión social, e que consume inxentes cantidades de solo (urbanismo de baixa densidade) é de dereitas. Utilizar os medios de comunicación municipais (que son de todos) para o beneficio do seu partido político, e de dereitas. E poderíamos seguir.

Señor Alcalde, en consecuencia, ¿vai vostede pedir tamén o voto para o PSOE nas próximas eleccións municipais para evitar algunhas das políticas de dereita que o seu propio partido político (AAVV) fai? Señor alcalde, as xentes de esquerdas coma nós, Esquerda Unida-IU, somos os únicos que temos propostas económicas que non pasan por la baixada de impostos directos (aos que máis teñen), se non todo o contrario, porque os impostos son necesarios para manter uns servizos públicos de calidade. Que paguen máis os que máis teñen para que se beneficien os que menos ten. Os únicos que non insultamos a intelixencia dos cidadáns prometendo regalos de 400¤ a modo de esmola, porque defendemos que os dereitos sociais nin se compran nin se venden.

Os únicos que defendemos, que queremos o dereito universal e subxectivo a vivenda. Os únicos que defendemos a xestión pública dos servizos públicos para que estes non se convertan nun negocio ou nunha forma de clientelismo político. Non se preocupe, non teña medo, señor alcalde, aínda que non nos vote tamén vostede se vai ver beneficiado, en tanto que cidadá, porque nós con un grupo parlamentario forte, é dicir, cos votos de miles e miles de persoas de esquerdas, seremos quen de frear a dereita, a dereita do PP, por suposto, pero tamén será o noso grupo parlamentario, Esquerda Unida-IU, quen obrigue ao PSOE, no estado, a mirar cara a esquerda para facer políticas verdadeiramente progresistas co fin de acadar unha sociedade máis xusta. Unha sociedade xusta é aquela na que todos teñamos as mesmas posibilidades reais de beneficiarnos da vida colectiva. Finalmente dicir que todos os votos son útiles porque todos suman, esa é a democracia, o único que hai que facer á hora de emitir o voto é pensar cal é o proxecto político que defende os intereses dos traballadores, dos cidadáns, de cada un de nós, e, simplemente, votar por el. Por iso eu apelo ao voto valente, ao voto rebelde, ao voto comprometido e coherente co que un defende.

Eu, Almudena García Bravo, primeira candidata por EU-IU nas últimas eleccións municipais en Oleiros, e candidata por EU-IU nestas próximas eleccións xerais ao congreso dos deputados pola provincia de A Coruña, pide o voto para a esquerda, para a nosa formación política Esquerda Unida-IU Un cordial e respetuoso saúdo

25/02/08