Google
   

 DOCUMENTOS   
Proposta de Código Deontológico da Profesión Xornalísticas de Galicia (CPXG)
Proposta de Código Deontolóxico da Profesión Xornalística en Galicia O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) presentou unha primeira proposta de Código Deontolóxico da Profesión Xornalística en Galicia. É un texto para ler e reflexionar e tamén para aportar suxestións ou propostas que o complementen ou melloren. Para iso, o borrador será enviado a todos os colexiados/as, que poden mandar as súas achegas ó CPXG por correo electrónico, fax ou correo ordinario. Xornal.com publica o texto íntegro e abre tamén os seus foros de debate. O CPXG dedicará ó cometido das novas propostas o tempo que resta ata final de 2002. O texto modificado por esas aportacións será sometido, xa no 2003, á aprobación da asemblea xeral ordinaria. O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia ten o deber de elaborar un Código de referencia que obrigue ós/ás profesionais e ás empresas da comunicación.

INTRODUCCIÓN.-A liberdade de expresión e o dereito á información son dous fundamentos substanciais da sociedade democrática. Os dous son dereitos recollidos e amparados pola Constitución. Do vigor, o respecto e a plena vixencia destes principios depende a existencia dunha opinión pública plural e independente, requisito indispensable para o bo desenvolvemento da vida pública e a plenitude do sistema democrático. A garantía dos dereitos dos cidadáns require a defensa duns
MEDIOS DE COMUNICACIÓN libres, plurais, críticos e abertos á sociedade á que serven. A importancia da función social que presta o xornalista a través dos medios de comunicación, como elemento principal para o exercicio destes dereitos, esixe salvagardar permanentemente estes principios de calquera intento de restricción ou coacción procedente de toda forma de poder, así coma da súa posible degradación, producida pola súa eventual inobservancia ou adulteración por parte dos propios medios ou de quen traballa neles. Na súa condición de actores principais do exercicio dun dereito fundamental, do que son depositarios tódolos cidadáns, os profesionais da información deben desenvolve-la súa función atendendo ó dobre compromiso da responsabilidade, derivada da súa importante tarefa e do mandado da súa propia conciencia, dacordo co ordenamento constitucional e cos principios deontolóxicos da profesión xornalística. Para manter con plenitude estes principios, o xornalista debe defender e aplicar rigorosamente as normas nas que asenta a súa actividade, atendendo ós seguintes
CRITERIOS 1. Observar sempre unha clara distinción entre feitos e opinións ou interpretacións, evitando toda confusión ou distorsión deliberada de ámbalas dúas, así como a difusión de suposicións e rumores.
2. Difundir únicamente informacións fundamentadas, evitando en calquera caso afirmacións ou datos imprecisos e sen base dabondo, que poidan lesionar ou menospreza-la dignidade das persoas e provocar un dano ou descrédito inxustificados a institucións e entidades públicas e privadas, así como a utilización de expresións ou cualificativos inxuriosos.
3. Rectificar con dilixencia e con tratamento adecuado á circunstancia, as informacións e as opinións que delas deriven, que estean probadas como falsas e que, por este motivo, resulten perxudiciais para os dereitos e intereses lexítimos das persoas e/ou organismos afectados, sen eludir, se fose preciso, a disculpa, con independencia do que as leis dispoñan ó respecto.
4. Utilizar métodos dignos para obter información ou imaxes, sen recorrer a procedementos ilícitos.
5. Respecta-lo off the record cando éste fose expresamente invocado, conforme coa práctica usual desta norma nunha sociedade libre.
6. Recoñecer ás persoas individuais e/ou xurídicas o seu dereito a non proporcionar informacións nin responder preguntas, sen perxuízo do deber dos xornalistas de atende-Io dereito dos cidadáns á información. Canto a asuntos relacionados coas administracións públicas, o dereito fundamental á información debe prevalecer sempre por riba de calquera restricción que vulnere inxustificadamente o principio da transparencia informativa á que estean obrigadas.
7. Non aceptar nunca retribucións ou gratificacións de terceiros, por promover, orientar, influir ou ter publicado informacións ou opinións. En todo caso, non se simultaneará o exercicio da actividade xornalística con outras actividades profesionais incompatibles coa deontoloxía da información, como a publicidade, as relacións públicas e as asesorías de imaxe, sexa no ámbito das institucións ou organismos públicos, coma en actividades privadas.
8. Non utilizar nunca en beneficio propio informacións privilexiadas, obtidas de forma confidencial, como xornalistas, no exercicio da súa función informativa.
9. Respecta-lo dereito das persoas á súa propia intimidade e imaxe, especialmente en casos ou acontecementos que xeren situacións de aflicción ou dor, evitando a intromisión gratuíta e as especulacións innecesarias sobre os seus sentimentos e circunstancias, especialmente cando as persoas afectadas o expliciten.
10. Observar escrupulosamente o principio de presunción de inocencia nas informacións e opinións relativas a causas ou procedimentos penais en curso.
11. Tratar con especial tino toda información que lles afecte a menores, evitando difundi-Ia súa identificación cando aparezan como víctimas (agás no suposto de homicidio), testemuñas ou inculpados en causas criminais, sobre todo en asuntos de especial trascendencia social, como é o caso dos delictos sexuais. Tamén se evitará identificar contra da súa vontade ás persoas próximas ou parentes inocentes de acusados ou convictos en procedementos penais.
12. Actuar con especial responsabilidade e rigor no caso de informacións ou opinións con contidos que poidan suscitar discriminacións por razóns de sexo, raza, crenza ou extracción social e cultural, así como incitar ó uso da violencia, evitando expresións ou testemuños vexatorios ou lesivos para a condición persoal dos indivíduos e a súa integridade física e moral.

DECLARACIÓN FINAL Os xornalistas teñen que dispor dos medios e instrumentos imprescindibles para poderen desenvolve-la súa actividade con plena independencia, liberdade, iniciativa e sentido da responsabilidade, tanto no que se refira ó ambito profesional coma ó estrictamente laboral. Neste senso, e para a plena garantía dos seus dereitos individuais e do seu compromiso diante dos cidadáns, os profesionais da información deberán estar amparados pola cláusula de conciencia e o segredo profesional, dentro do marco das leis, tal como recolle a vixente Constitución. Ademáis, consideramos necesario o establecemento dos estatutos de redacción, como instrumento máis axeitado para acouta-los seus dereitos e deberes nas empresas, e para conseguir, en última instancia, unha maior transparencia no exercicio da súa función diante dos cidadáns. As entidades e organizacións profesionais representativas deberán velar pola boa imaxe da profesión xornalística, procurando evita-las prácticas abusivas e corruptas que contraveñan os principios elementais da ética do xornalismo, así como os intentos de limita-lo dereito dos cidadáns á liberdade de expresión e de información, mediante actos ou opinións dirixidos a restrinxir ou influir lesivamente na libre actividade dos medios de comunicación e de quen traballan neles. De cara a unha mellor e máis fiel realización desta tarefa, habería que considera-la constitución dun organismo arbitral, representativo, plural e independente dos poderes públicos que, sen esquece-los dereitos constitucionais que lles asisten ós particulares e ás empresas, e á marxe das atribucións dos órganos xudiciais, atendese, de forma permanente, esta función. Enlaces relacionados Su opinión Artículos de la misma temática Artículos de la misma fecha Publique su opinión sobre este tema Lea las opiniones de otras personas © Xornal Galinet S.A. El primer diario electrónico de Galicia se edita en A Coruña (España, UE). Avenida Ronda de Outeiro, 421, 1ºB. A Coruña.
xornal.com 21/11/02.

©Galicia en PáXinas S.L. Todos los derechos reservados.-E-mail: noticiasgalicia@gpx.es.-Optimizada para 800 x 600 píxels.