Google
   

 DOCUMENTOS   
Acordo de Gasteiz
(Texto íntegro)
As formacións políticas que subscrebemos a Declaración de Barcelona o pasado 16 de Xullo comezamos un camiño en comun cuxo obxectivo básico é a asunción da pluralidade nacional no ámbito do Estado co recoñecimento xurídico-político, social e cultural das nosas respeitivas nacións. Para iso entendemos necesário avanzar nunha nova cultura política respeitosa coa diversidade de identidades, e que aposte pola sua convivéncia positiva e criativa no marco da plurinacionalidade. En definitiva, tres nacionalismos solidários, cunha aposta de colaboración entre nós, e ofertando un proxecto aberto de cooperación baseado no respeito mútuo.

No documento de traballo da reunión de Barcelona fan-se patentes as nosas posicións sobre o proceso de desenvolvimento autonómico producido nos últimos anos, sobre a necesidade de remover os obstáculos que impeden o recoñecimento do carácter plurinacional, pluricultural e plurilingüe do Estado español e sobre os efectos políticos que se derivan de dito recoñecimento no canto á redistribución de soberania e poder. En dito documento tamén se avanza na análise da implicación que a construción europea supón en relación á nosa acción política e fan-se propostas con respecto a iso.

Asimesmo, en Barcelona acordamos unha Declaración na que, ademais de reafirmar o carácter nacional dos nosos povos e de enunciarmos a necesidade de impulsar este recoñecimento e adaptá-lo á nova realidade dunha Europa en proceso de artellamento e a un mundo cada vez máis interdependente, basicamente estabelecemos:

- Chamar á sociedade española para compartir e dialogar acerca dunha nova cultura política promotora e respeitosa coa plurinacionalidade e a diversidade.
- Oferecer a Europa e ao mundo as nosas propostas en defensa da diversidade e da convivéncia positiva e criativa de identidades.
- Organizar de maneira sistemática o intercámbio de ideas e a colaboración entre axentes e sectores das nosas sociedades co obxecto de dialogarmos sobre estas propostas e difundi-las.
- Elaborar un plano de traballo conxunto entre as nosas respeitivas organizacións sobre algunhas matérias que entendemos importantes para reforzar o recoñecimento da plurinacionalidade e da nova cultura política que propugnamos.

Tamén en Barcelona estabelecemos a necesidade dunha cooperación permanente e estábel entre as nosas tres formacións como método para avanzarmos nos obxectivos definidos.

Curiosamente, a reacción desde o españolismo, representado fundamentalmente no PP e o PSOE, acompañada desde alguns ámbitos xornalísticos, foi de rexeitamento total da reflexión con acusacións de frentismo e radicalidade. Reacción carente de sentido na medida na que a Declaración de Barcelona subliña a necesidade de avanzar nunha cultura política na que o enfrontamento aberto sexa substituído pola colaboración e o frentismo por un acordo para a concepción dun marco estatal comun baseado no recoñecimento da plurinacionalidade desde o respeito mútuo. Esta resposta reafirma-nos, máis ainda se cabe, na necesidade de subliñar o chamamento levado a cabo en Barcelona á sociedade española para compartirmos e dialogarmos sobre unha nova cultura política acorde con esa comprensión do Estado, e para promover unha concienciación colectiva que reforce a idea da sua plurinacionalidade.

Por outra banda, houbo diversos pronunciamentos públicos e privados de formacións nacionalistas do Estado, tanto desde Catalunya, Euskadi e Galiza como desde outros territórios do Estado, no sentido de que comparten a nosa visión da concepción do mesmo e da construción europea e apoian esa nova cultura política. Isto leva-nos á necesidade de compartirmos e coordenarmos coas forzas que aceitan esa nova cultura e o seu impulso.

É por todo iso, polo que entendemos necesário continuarmos o camiño de colaboración entre as nosas forzas políticas, que concrete e vaia tecendo unha cooperación concreta que desenvolva a Declaración de Barcelona como marco programático xeral para as tres formacións políticas, e que ao mesmo tempo vaia enriquecendo a reflexión e a colaboración co resto de formacións políticas que comparten con nós a aspiración do recoñecimento da plurinacionalidade do Estado desde a asunción da nova cultura política de respeito á pluralidade e diversidade. Por esta razón en Gasteiz,

ACORDAMOS:


• Estabelecer unha coordenación política permanente no Congreso dos Deputados e no Senado, através da constitución dun órgao de coordenación integrado por unha representación de cada unha das nosas formacións políticas, a fin de expoñermos as diversas posicións políticas dos partidos, tratando de acadar unha posición comun en propostas, en emendas e na negociación cos diversos grupos parlamentares, naquelas matérias que constituen, ao noso entender, aspectos importantes para o desenvolvimento do carácter plurinacional do Estado. Asimesmo, e co obxecto de concretarmos esta coordenación en aspectos específicos, constituen-se tres grupos de traballo sobre as matérias que de seguido se descreben: aspectos constitucionais-Tribunal Constitucional-, posición nacionalista nos diferentes organismos do Estado cuxa composición emana do Parlamento e Política de Defensa e Exterior.
• Unha proposta conxunta sobre os mecanismos de participación das nosas respeitivas nacións no proceso decisório da Unión Europea que incorpore o modelo plurinacional á translación da capacidade de decisión do Estado nas diferentes institucións europeas. Dita proposta será incorporada como proposta programática comun aos diferentes programas eleitorais das distintas opcións nacionalistas ou nas que figuren algun partido nacionalista para as vindeiras eleicións europeas, asi como aos programas eleitorais que CiU, PNV e BNG apresenten ás eleicións ás Cortes Xerais.
• Estabelecer mecanismos de coordenación parlamentar no Parlamento Europeu entre deputados representantes de nacións sen Estado, que analisarán propostas lexislativas, fixarán posicións comuns e levarán a cabo iniciativas parlamentares conxuntas.
• Constituir un grupo de traballo do ámbito da língua e da cultura composto por representantes de cada unha das nosas formacións políticas, co obxecto de elaborarmos un plano de traballo conxunto no campo da política lingüística, da política cultural e da política deportiva, cun guión definido, dirixido a obtermos o recoñecimento efectivo da realidade plurilingüística e pluricultural do Estado e a traballarmos naqueles aspectos das nosas situacións lingüísticas, culturais e deportivas respeitivas susceptíbeis dunha análise e desenvolvimento comun.
• Constituir un grupo de traballo composto por representantes de cada unha das nosas formacións políticas, co obxecto de elaborarmos un programa comun e un plano de traballo sobre fiscalización e financiamento público, na medida en que as nosas formacións políticas entenden que un proceso de auténtica redistribución do poder político como é o autogoverno comprende necesariamente o apartado da política fiscal (ingresos) e de financiamento.
• Estabelecer un mecanismo de coordenación permanente entre as fundacións e asociacións culturais comprometidas na defensa da identidade nacional dos nosos países, impulsando vias de encontro e relación entre as mesmas.

Gasteiz. 16 de setembro de 1998

©Galicia en PáXinas S.L. Todos los derechos reservados.-E-mail: noticiasgalicia@gpx.es.-Optimizada para 800 x 600 píxels.