noticiasgalicia.com |

O Plan Ferrol buscará recuperar a prosperidade das zonas afectadas polas reconversións do naval

noticiasgalicia.com/F. Jardón.- Durante os anos 60 e 70 Ferrolterra era unha das zonas máis prósperas da comunidade galega. Naquel momento aglutinaba o 10% do emprego industrial e ata o 70% do emprego na construcción naval. Pero esta situación comezou a cambiar no ano 1983 co Plan de Reconversión do Naval que provocou a perda de máis do 60% dos empregos. A partir dese momento, tanto a comarca de Ferrol como as de Eume e Ortegal, sufriron diversas crises e reconversións, que se saldaron coa perda de 2.500 postos de traballo e un descenso da poboación de 19.000 habitantes.

Esta situación de declive, que se prolongou ata a actualidade, pretende ser superada cun plan integral que conte co apoio das diversas administracións e que non se fundamente só nos incentivos económicos. Deste xeito a Consellería de Economía e Facenda elaborou o "Proxecto de Desenvolvemento Integral das Comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal 2007-2011" que foi presentado polo presidente da Xunta o pasado 11 de marzo.

O obxectivo é aproveitar todas as vantaxes competitivas que ofrece a comarca neste momento como é a finalización da AP-9 ou a conexión coa Transcantábrica e o remate da primeira fase do Porto Exterior. Con todas estas infraestructuras intentarase explotar os recursos naturais da zona, como as rías e os puntos turísticos, e a súa proximidade a centros económicos.

O proxecto ten como finalidade potenciar os tres sectores básicos da comarca: o turístico, o eólico e o loxístico. Para cada un destes ámbitos programáronse unha serie de actuacións que serás as responsables da creación de emprego e do crecemento do valor engadido.

Outro dos piares do Plan Ferrol será a potenciación dos sectores de futuro, entendendo como tales a acuicultura, a biomasa e os biocombustibles.

O Proxecto de Desenvolvemento Integral destas comarcas non podería chegar a funcionar se non se tivese en conta ao sector naval, que durante tanto tempo foi o principal sustento da zona. Neste caso a Consellería de Economía planteou a diversificación e a tecnificación da industria auxiliar para mellorar o naval.

Por último, a Consellería, para apoiar todos estes plans propón unha serie de medidas transversais necesarias para que os anteriores sectores se poidan desenvolver adecuadamente.

Ver gráfico de evolución

©Galicia en PáXinas S.L.
 | gpx.es | noticiasgalicia.com | ViajarGalicia.com | parquenaturalislasatlanticas.com | vinosgallegos.net | golfgalicia.net |
| directoriowebsgallegas.com | pueblosdegalicia.com | confidencialgalicia.com |
Todos los derechos reservados
.-E-mail: info@noticiasgalicia.com Optimizada para 1024 x 768 píxels.
Aviso legal  | Departamento Publicidad