noticiasgalicia.com |

Touriño remarca que desde hai dous anos Galicia vive "un relevante despegamento económico"

O xefe do Goberno galego pronunciou unha conferencia en Madrid no ŒForo de la Nueva Economía¹ na que afirmou que ³o Goberno de España cumpriu e está cumprindo os seus compromisos con Galicia²

noticiasgalicia-24/10/2007.- O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, remarcou hoxe que desde hai dous anos Galicia vive "un relevante despegamento económico que está a contribuír a pechar a fenda co resto de España e con Europa", e que lle está permitindo converterse nun país "que seduce e atrae novos proxectos empresariais".

Durante a conferencia que este mediodía pronunciou no Foro de la Nueva Economía en Madrid, Pérez Touriño defendeu o cambio de modelo de crecemento económico iniciado no ano 2005 en Galicia, "que pasa por fomentar a competitividade e a produtividade, incidindo no desenvolvemento tecnolóxico, o capital humano e o desenvolvemento empresarial".

O presidente da Xunta sinalou que todos os indicadores económicos respaldan a estratexia económica do seu Goberno, xa que a nosa comunidade liderou o crecemento económico español no ano 2006, e este ano está a medrar a un ritmo interanual do 4,3%. Remarcou tamén o clima de confianza que impera na sociedade galega, que fomenta o crecemento do consumo familiar e un incremento do investimento do 7%, con 13.500 novas sociedades creadas nos dous últimos anos. Así mesmo, referiuse ao impacto no emprego desta bonanza económica, que permitiu crear 83.000 postos de traballo, reducir a taxa de paro en tres puntos e avanzar na contratación indefinida, con 185.000 contratos fixos.

Converter o superávit económico en superávit social
Explicou, os Orzamentos da Comunidade Autónoma para 2008, que entraron no Parlamento a pasada semana, abondan nesa estratexia, mediante o reforzamento do capital tecnolóxico, a aposta pola sociedade do coñecemento, a mellora das infraestruturas produtivas e a loita polo emprego de calidade. O obxectivo é, nas súas palabras, "converter o superávit económico en superávit social, ser capaces de xerar riqueza e de transformar esa riqueza nun maior benestar colectivo".

Así, Pérez Touriño resaltou que as contas da Galicia para 2008 están orientados "a consolidar este escenario de crecemento e progreso e estendelo a toda a sociedade", mobilizan recursos totais por importe de 11.556 millóns de euros, un 7,3% máis que os anteriores, e, por primeira vez na historia da Comunidade Autónoma, non recorren ao endebedamento.

Plan Galego de Competitividade e emprego
Ademais, subliñou a importante marxe de crecemento que presenta a economía galega sobre a base da súa expansión internacional, xa que as exportacións creceron un 20% no primeiro semestre do ano, e Galicia é a quinta comunidade autónoma máis exportadora de España. Nese sentido, anunciou que a internacionalización da economía galega e o incremento da competitividade empresarial son os obxectivos prioritarios sobre os que se está a elaborar o Plan Galego de Competitividade e Emprego.

Emilio Pérez Touriño relacionou o momento de estabilidade e confianza económica e social que atravesa Galicia co cambio de modelo de desenvolvemento territorial impulsado desde o Goberno de España. Desde ese punto de vista, o xefe do Goberno galego subliñou como un dos grandes logros do Executivo de Zapatero o ter invertido "unha perigosa tendencia a consagrar unha España de dúas velocidades", potenciando o investimento territorializado en Galicia, Cantabria, Asturias, Estremadura e Andalucía.

O 8% do investimento estatal, a mellor fórmula para Galicia
"O reforzamento do eixe atlántico contribúe, sen dúbida, a superar disparidades territoriais e a equilibrar o desenvolvemento no conxunto de España", afirmou, para engadir que, "si tomamos como índice a cantidade de euros investidos por habitante, un 30% por riba da media española", Galicia resulta ser "un dos territorios españois máis xustamente favorecidos polas políticas de solidariedade territorial" desenvolvidas polo Goberno de Rodríguez Zapatero.

©Galicia en PáXinas S.L.
 | gpx.es | noticiasgalicia.com | ViajarGalicia.com | parquenaturalislasatlanticas.com | vinosgallegos.net | golfgalicia.net |
| directoriowebsgallegas.com | pueblosdegalicia.com | confidencialgalicia.com |
Todos los derechos reservados
.-E-mail: info@noticiasgalicia.com Optimizada para 1024 x 768 píxels.
Aviso legal  | Departamento Publicidad