noticiasgalicia.com |

A Costa da Morte: "porta de entrada a Europa"

noticiasgalicia-03/11/2007.- Co obxecto de que a Costa da Morte dea un salto cualitativo e que se posicione no ámbito galego e nacional como unha zona atractiva e de futuro, a Xunta de Galicia elaborou e presentou o pasado ano un Plan que leva o nome desta significativa comarca galega, e que contempla un investimento de 524,2 millóns de euros nos vindeiros cinco anos (2006-2010). Segundo o propio presidente do Executivo galego, Emilio Pérez Touriño, trátase dun ambicioso plan que "vai converter a Costa da Morte na porta de entrada a Europa".

Para o primeiro mandatario galego estanse a sentar as bases para acadar un desenvolvemento económico endóxeno apoiado en novos proxectos empresariais e na xeración de emprego "que devolverá a confianza e o orgullo a xente desta terra", ao mesmo tempo que se constrúe un territorio máis equilibrado e cohesionado.

O compromiso da Xunta de Galicia coa Costa da Morte pretende darlle a volta á situación de illamento e desertización económica que sufriu ao longo dos últimos anos esta zona. Para iso elaborouse, coordinadamente entre diferentes departamentos do Goberno coa consellería de Economía á cabeza, unha planificación que afecta a un total de case que 150.000 persoas e cinco comarcas que agrupan a 19 concellos, : Carballo, Coristanco, A Laracha, Malpica, Ponteceso, Cabana de Bergantiños, Laxe, Zas, Vimianzo, Camariñas, Muxía, Fisterra, Corcubión, Cee, Dumbría, Santa Comba, Mazaricos, Carnota, e Muros.

Actuacións
O Plan da Costa da Morte contempla actuacións en materia de emprego, infraestruturas, captación de proxectos empresariais, e tamén nos eidos da pesca, o medio rural e o turismo.

Destaca a creación de solo industrial para a que o Plan recolle unha partida de 62 millóns de euros; e un investimento doutros 48 millóns para programas de cualificación dos traballadores. Así mesmo estase a elaborar un Plan de Emprego específico para a Costa da Morte (40 millóns de euros).

O Plan tamén recolle importantes actuacións para mellorar a accesibilidade da zona. En concreto ao capítulo de infraestruturas, en concreto ás estradas destínanse 285 millóns de euros con especial atención á Vía de alta Capacidade da Costa da Morte. A mellora dos portos conta con 25 millóns, destacando a ampliación do peirao de Brens. E outros 15,5 millóns se adxudicarán a obras de abastecemento como de saneamento de augas.

Pulo á pesca, medio rural e turismo
O plan da Costa da Morte tamén atenderá especialmente no seu período de vixencia a sectores económicos fundamentais como é o caso da pesca e do medio rural. Así ao sector pesqueiro dedícanse recursos por importe superior aos 40 millóns de euros. Trátase de modernizar embarcacións, axudar a empresas de transformación, e dun xeito máis concreto destínanse 30 millóns ao desenvolvemento da acuicultura.

En canto ao segundo eixo de dinamización, a agricultura, desde o Goberno galego preténdese dignificar e mellorar as condicións de vida da poboación, apostando pola mellora en servizos básicos como abastecemento de auga e a mellora de camiños e pistas rurais. Destínanse un total de cinco millóns de euros.

No tocante ao turismo, son 23 millóns de euros os que o Plan contempla para a posta en valor do medio, mellorar as rutas turísticas existentes, e promocionar os recursos culturais.

O Plan coida finalmente a calidade de vida na zona, con especial atención a educación e a sanidade. Así prevé investimentos por valor de 10 millóns para a implantación de centros educativos e sanitarios, así como para desenvolver una rede de centros sociais para os maiores, de atención para as persoas dependentes, e de atención á infancia; así como para novos centros deportivos e culturais e para mellorar a accesibilidade á vivenda.

©Galicia en PáXinas S.L.
 | gpx.es | noticiasgalicia.com | ViajarGalicia.com | parquenaturalislasatlanticas.com | vinosgallegos.net | golfgalicia.net |
| directoriowebsgallegas.com | pueblosdegalicia.com | confidencialgalicia.com |
Todos los derechos reservados
.-E-mail: info@noticiasgalicia.com Optimizada para 1024 x 768 píxels.
Aviso legal  | Departamento Publicidad