noticiasgalicia.com |

O investimento total da Xunta e do Estado en Galicia acadará os 5.107 millóns de euros en 2008
• Esta cifra supón o 9,3% do Produto Interior Bruto galego, ou o que é o mesmo 1.888 euros por habitante
• Galicia se sitúa como unha das comunidades cun esforzo investidor máis elevado cun 25,3% de media anual, fronte a unha media do 19,7% do resto de comunidades autónomas do Estado

noticiasgalicia-17/11/2007.- O investimento en Galicia acadará o vindeiro ano os 5.107 millóns de euros, o que supón un 9,3% do PIB galego e un total de 1.888 euros por cada habitante da comunidade. Unha cantidade, que resulta de sumar o investimento da Xunta de Galicia e máis o comprometido polo Goberno central para o 2008.  

A suma de máis de cinco mil millóns de euros vai permitir, segundo o conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, "avanzar no impulso da actividade económica e na creación de emprego, e xerar recursos para consolidar unha sociedade avanzada e mellorar o benestar dos cidadáns galegos".

Para o titular de Economía do Executivo galego se trata, deste xeito e no marco dos orzamentos xerais, de consolidar a política económica e presupostaria ao través de dous eixos: o investimento produtivo para impulsar o crecemento e a competitividade da economía galega; e o reforzo das políticas sociais coa extensión e mellora dos servizos públicos.

Co obxectivo de manter o crecemento e a mellora da competitividade da economía galega, os orzamentos recollen un importante investimento que ascende a 3.165 millóns de euros, situando a Galicia como unha das comunidades cun esforzo investidor máis elevado cun 25,3% de media anual, fronte a unha media do 19,7% do resto de comunidades autónomas do Estado.

Esforzo investidor e prioridades

Un esforzo investidor ao que se engade o investimento realizado polo do Estado na Comunidade que nos últimos tres anos destinou a Galicia o 8% do investimento territorializado. Neste senso cabe subliñar que, en termos comparativos homoxéneos, o investimento en Galicia o próximo ano, duplica a media de investimento da anterior lexislatura.

En canto as prioridades do gasto nos orzamentos do vindeiro exercicio, cabe salientar, no ámbito do investimento produtivo, o impulso da sociedade do coñecemento a través do investimento en capital humano e capital tecnolóxico; a mellora das infraestruturas de transporte e de solo industrial; e tamén o impulso do desenvolvemento sostible e o equilibrio territorial.

Por outra parte, e no ámbito das políticas sociais, están a mellora da xestión e a extensión e mellora dos servizos públicos nas áreas de Sanidade ou Educación, así como a posta en marcha da Lei de Dependencia. Sen esquecer a aposta polas políticas de acceso á vivenda, e a promoción e creación de emprego estable e de calidade. Para o conselleiro de Economía, Fernández Antonio, se observa ³un esforzo claro nas políticas sociais e nos investimentos produtivos; estamos ante un orzamento prudente e equilibrado, que non incrementa o endebedamento, e que garante a sostibilidade das finanzas públicas no medio e no longo prazo".

Crecemento económico sólido

O crecemento económico de Galicia ten unha sólida base, a xuizo do titular de Economía e Facenda, xa que leva seis trimestres crecendo por riba da media española e europea, cunha taxa do 4,3% no segundo trimestre deste ano. Para Fernández Antonio, atendendo aos resultados que superaron de xeito folgado os obxectivos nos dous orzamentos anteriores, ³o obxectivo de crecer un 3,5% no 2008 é consistente co 4% previsto para o conxunto do 2007². Neste senso, o conselleiro tamén apunta como obxectivo "seguir crecendo máis que o entorno" co fin de seguir avanzando no obxectivo de converxencia².

©Galicia en PáXinas S.L.
 | gpx.es | noticiasgalicia.com | ViajarGalicia.com | parquenaturalislasatlanticas.com | vinosgallegos.net | golfgalicia.net |
| directoriowebsgallegas.com | pueblosdegalicia.com | confidencialgalicia.com |
Todos los derechos reservados
.-E-mail: info@noticiasgalicia.com Optimizada para 1024 x 768 píxels.
Aviso legal  | Departamento Publicidad