noticiasgalicia.com |

A Xunta pechou o exercicio 2006 con superávit
• Se cumpriron folgadamente as previsións orzamentarias en crecemento, cun 4,1% e en emprego, coa creación de máis de 40.000 novos empregos
• Economía prevé pechar tamén este ano cos obxectivos cumpridos, e afrontar o 2008 cun orzamento prudente e equilibrado

noticiasgalicia-24/11/2007.- A Comunidade autónoma galega alcanzou o pasado ano o seu maior ritmo de crecemento económico dos últimos seis anos (4,1%), crecendo por riba de España (3,9%) e da Unión Europea (2,3%) e creando máis de 40.000 novos empregos. Neste marco, a Xunta de Galicia culminou o exercicio cumprindo folgadamente as previsións orzamentarias en crecemento e emprego, á vez que acadou un elevado nivel de execución orzamentaria e avanzou no saneamento das finanzas públicas grazas á política de control do gasto público, de procura da eficacia e a eficiencia no mesmo, e de transparencia na xestión dos programas.

Para o conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, "Galicia ten unha situación sólida que continúa neste exercicio o que permitirá pechar o 2007 cumprindo os obxectivos, e afrontar o 2008 cun orzamento prudente e equilibrado, xa que non incrementa o endebedamento, e garante a sostibilidade das finanzas públicas no medio e no longo prazo".

O excelente comportamento dos ingresos en 2006 reflectiuse no incremento dos ingresos non financeiros do orzamento consolidado que ascenderon, segundo Economía, a 9.782 millóns de euros, un 8,5% máis que en 2005 e un 4,1% con respecto ao previsto no orzamento inicial. Os ingresos correntes creceron por riba dos gastos correntes ­10,1% fronte ao 8,5%­ o que permitiu que o aforro aumentase en máis dun 18% sobre a liquidación anterior, situándose nos 1.542 millóns de euros.

Xunto coa boa evolución da economía galega, o positivo comportamento dos ingresos está relacionado coa eficiente xestión dos impostos cedidos á Comunidade grazas á mellora dos procesos de informatización e de autoliquidación tributarios. Os ingresos tributarios e as transferencias correntes foron os principais responsables do crecemento dos ingresos.

Por outra banda, Fernández Antonio destaca o avance na mellora dos ratios cunha porcentaxe de débeda sobre o PIB que pasou do 7,2% ao inicio do 2006 a 6,9% a 31 de decembro. O forte saneamento das finanzas públicas, lembrou, está avalado pola mellora do rating da comunidade segundo a axencia de cualificación Standard & Poor´s que elevou o rating de Galicia grazas á sólida xestión orzamentaria, o decrecente nivel de débeda, e a prudente xestión financeira.

En conclusión, se pode afirmar que a situación financeira a 31 de decembro de 2006 reflectiu unha boa situación económica; un crecemento dos ingresos; un avance no saneamento financeiro; unha mellora nos ratios de endebedamento; e un elevado grao de execución orzamentaria do 92,4%. O superávit non financeiro do exercicio acadou os 87 millóns de euros.

©Galicia en PáXinas S.L.
 | gpx.es | noticiasgalicia.com | ViajarGalicia.com | parquenaturalislasatlanticas.com | vinosgallegos.net | golfgalicia.net |
| directoriowebsgallegas.com | pueblosdegalicia.com | confidencialgalicia.com |
Todos los derechos reservados
.-E-mail: info@noticiasgalicia.com Optimizada para 1024 x 768 píxels.
Aviso legal  | Departamento Publicidad