noticiasgalicia.com |

A fortaleza da economía galega continuará no 2008
• Os orzamentos do Goberno galego perseguen impulsar o crecemento económico e a creación de emprego, así como mellora a calidade dos servizos públicos e reforzar a cohesión social e territorial

noticiasgalicia-01/12/2007.- A economía galega seguirá crecendo e creando emprego a taxas significativas o próximo ano grazas a fortaleza que rexistrou nos últimos trimestres e que se manteñen neste final de exercicio tal e como reflicten os positivos indicadores económicos. Para o conselleiro de Economía e Facenda, Xosé Ramón Fernández Antonio, a economía galega está hoxe en mellor situación que hai dous anos. "Galicia crece máis que España e que Europa cun crecemento sólido e equilibrado; cun crecemento que se sustenta na fortaleza do sector industrial, no bo comportamento dos servizos e no dinamismo das exportacións".

Neste contexto, o cadro económico previsto no orzamento 2008, se fundamenta na fortaleza dos datos económicos de Galicia e xa teñen en conta "o contexto de incertezas que atravesa a economía internacional", segundo o conselleiro. A taxa de crecemento da economía galega prevista para 2008 sitúase no 3,5% que contempla unha lixeira desaceleración da actividade, "sen renunciar ao obxectivo de seguir medrando por riba da media española e comunitaria", afirma o titular de Economía, que cualificou de "realista e prudente" dito obxectivo, ademais de "irrenunciable a fin de continuar o proceso de converxencia".

Crecemento por riba de España e Europa

Nos sete últimos trimestres, a economía galega medra por riba da española e da europea, creando emprego e mellorando os seus fundamentos. Este crecemento foi acompañado dunha forte creación de emprego, con 85.000 novos empregos creados dende 2005, superando os obxectivos orzamentarios; mentres que a taxa de paro é hoxe a máis baixa dos últimos 25 anos, e está por baixo da española. Neste sentido, este bo comportamento do mercado de traballo permitiu mellorar a capacidade adquisitiva dos galegos. Así, entre o segundo trimestre de 2005 e o segundo trimestre de 2007, a masa salarial real de Galicia aumentou nun 12%, fronte ao 9,6% experimentado no conxunto de España. Respecto da evolución nos dous últimos anos, Fernández Antonio sinala que a Comunidade autónoma galega ten hoxe unha sólida situación financeira, debido a unha prudente xestión orzamentaria, tal e como recoñecen as axencias de rating. Nestes dous anos melloraron os ratios de endebedamento acadando o nivel de débeda máis baixo dos últimos quince anos.

Credibilidade cara os obxectivos de 2008
"Os presupostos de 2006 e 2007 foron unha importante ferramenta para conseguir estes logros e Galicia ten hoxe unhas bases máis sólidas e está mellor preparada para afrontar os retos futuros", sinala Fernández Antonio, quen subliña ademais que se trata dos terceiros orzamentos deste Goberno que "desenvolven, amplían e intensifican os eixes da acción de goberno que formulamos en 2005". Os logros e resultados desta lexislatura implican, para o conseleliro, un elemento esencial na traxectoria deste Goberno como é a credibilidade. "Credibilidade polo cumprimento de obxectivos e credibilidade pola superación dos mesmos en termos de mellora económica, de saneamento, e de distribución dos resultados do crecemento e da riqueza no conxunto da sociedade galega". As Contas do próximo ano afondarán na política económica desenvolvida nos dous últimos anos polo Goberno que constitúe, en gran medida, "a base sobre a que se asentan os resultados descritos".

Neste sentido, hai dous anos iniciouse unha reorientación profunda da política económica cun forte impulso á mellora do capital humano, o capital físico e o capital tecnolóxico. Cunha aposta pola educación, a innovación e as infraestruturas produtivas. Polo impulso da sociedade do coñecemento e do respecto ao medio ambiente. Pola posta en valor dos recursos naturais, e a orientación cara un crecemento sostible e ao reequilibrio territorial. Así pois, "a nova política económica persegue promover os factores de desenvolvemento ligados á Axenda de Lisboa, isto é, renovar as bases da competitividade, aumentar o potencial de crecemento e a produtividade, e reforzar a cohesión social, a través do coñecemento, a innovación, e a potenciación do capital humano". Por outra banda, "o crecemento está orientado á mellora da calidade de vida da poboación galega, velando pola cohesión social e territorial, e asegurando a sostibilidade, tanto en termos económicos como ambientais".

• Obxectivo e características dos orzamentos para 2008

©Galicia en PáXinas S.L.
 | gpx.es | noticiasgalicia.com | ViajarGalicia.com | parquenaturalislasatlanticas.com | vinosgallegos.net | golfgalicia.net |
| directoriowebsgallegas.com | pueblosdegalicia.com | confidencialgalicia.com |
Todos los derechos reservados
.-E-mail: info@noticiasgalicia.com Optimizada para 1024 x 768 píxels.
Aviso legal  | Departamento Publicidad