noticiasgalicia.com |

Obxectivo e características dos orzamentos para 2008

noticiasgalicia-01/12/2007.- No seu repaso aos orzamentos para 2008, Fernández Antonio sinala como obxectivo central "impulsar o crecemento económico e a creación de emprego, así como mellorar a calidade dos servizos públicos e reforzar a cohesión social e territorial".

Os eixes de actuación principais, son o impulso ao investimento produtivo para mellorar a competitividade da nosa economía, e o reforzamento das políticas sociais, para mellorar a calidade dos servizos públicos e as prestacións sociais. O Presuposto elaborado para 2008 asume un escenario de crecemento dos ingresos non financeiros prudente, do 8,3%, que conduce a unha cifra de ingresos non financeiros de 11.082 millóns de euros.

Pola súa banda, os gastos non financeiros aumentan un punto menos, nun 7,3%, xerándose un saldo positivo non financeiro nas contas galegas de 122 millóns de euros. Considerando só os ingresos tributarios, o incremento en relación ao presuposto do ano anterior é dun 5,9%. En canto ao gasto, as cantidades destinadas ás melloras nas áreas sociais ­Sanidade, Traballo e Vicepresidencia­ absorben un 49% do aumento do gasto. Engadindo a esta cifra as partidas dedicadas a Educación, Vivenda e Política Territorial, cunha clara vocación social, pero tamén produtiva e de dinamización económica, explícase o 80% do incremento do gasto para 2008.

Por último, cabe sinalar o importante esforzo investidor que caracterizan as contas do próximo exercicio, en consonancia co obxectivo de consolidación do crecemento da nosa economía. Cun investimento consolidado de 3.165 millóns de euros, "un euro de cada catro do orzamento se destina ao reforzo do stock de capital produtivo". Cifra á que hai que engadir o investimento do Estado en Galicia (1.942 millóns de euros), resultando un investimento global no ano 2008 de máis de 5.100 millóns de euros, o que supón un 9,3% de investimento sobre o PIB, e case 1.900 euros por habitante.

Este esforzo inversor, supón a continuación da tendencia posta en marcha polo Goberno nesta lexislatura, e que sitúa o investimento de 2008, en termos nominais, un 62% por riba ­e un 40% en termos reais­ do investimento medio da lexislatura anterior. "Se consideramos o investimento de Xunta e Estado, a comparación tamén é favorable á esta lexislatura, na que os investimentos destinados a Galicia melloraron nun 96% en termos nominais e en case un 70% en termos reais", segundo Fernández Antonio.

©Galicia en PáXinas S.L.
 | gpx.es | noticiasgalicia.com | ViajarGalicia.com | parquenaturalislasatlanticas.com | vinosgallegos.net | golfgalicia.net |
| directoriowebsgallegas.com | pueblosdegalicia.com | confidencialgalicia.com |
Todos los derechos reservados
.-E-mail: info@noticiasgalicia.com Optimizada para 1024 x 768 píxels.
Aviso legal  | Departamento Publicidad