|
Galicia:
comunidade líder no sector conserveiro en España
noticiasgalicia-07/12/2007.-
A análise da situación de sector e a aplicación do Plan estratéxico
para a Industria da Conserva galega 20072013 que foi aprobado
pola Xunta de Galicia antes do verán, foi o obxecto da xuntanza
que mantiveron o conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón
Fernández Antonio, e a conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos,
Carmen Gallego Calvar, con representantes do sector conserveiro
galego.
Á
devandita xuntanza asistiron o secretario xeral da Asociación
Nacional de Fabricantes de Conserva e Mariscos (Anfaco), Juan
Manuel Vieites; o presidente de Jealsa, Jesús Alonso Fernández;
o presidente de Conservas Calvo, José Luis Calvo; o conselleiro
delegado de Garavilla, Juan Corrales; o director xeral de
Alfageme, Miguel Illana; e o director de Recursos Humanos
de Frinsa, Pablo Ayuso.
O
conselleiro de Economía explicou ao remate da mesma, que na
reunión se puxo de manifesto a importancia deste sector vinculado
á industria alimentaria e a "necesidade de competir no mercado
internacional en diferenciación de produtos, en marcas, en
calidade, e en innovación. Galicia é hoxe, segundo afirmou
o conselleiro, "unha comunidade líder no sector conserveiro
en España" e tamén cunha posición importante en Europa. "Temos
que apostar polo liderado no mundo global, en base á calidade,
á marca e, e en definitiva, na diferenciación e innovación
dos produtos". Neste sentido, sinalou, "a ubicación en Galicia
é un elemento que reforza a súa capacidade competitiva no
mundo".
Plan
Estratéxico da Industria Conserveira
Na mesma liña se pronunciou a conselleira de Pesca e Asuntos
Marítimos, Carmen Gallego, quen explicou que na xuntanza de
traballo "con algunhas das máis importantes industrias conserveiras
de Galicia" se analizou polo miúdo "cuestións que lles preocupan
a eles e a nós e que están perfectamente reflectidos no Plan
Estratéxico da Industria Conserveira que o Goberno galego
acaba de poñer en marcha". Gallego lembra que dito plan constitúe
unha recomendación ao sector conserveiro para que "o sector
o impulse e traballe con el para que sexa real e efectivo".
A conselleira engadiu que "todos estamos de acordo en que
dende este posicionamento, dende Galicia, é dende onde temos
que ver as nosas capacidades de competir", e sinalou que dita
capacidade pasa pola innovación e pola calidade."Aquí hai
moitas oportunidades porque temos magníficos produtos que
incluso teñen as súas propias denominacións de orixe e marcas
que son un factor de oportunidade para o sector conserveiro".
Anfaco aposta por Galicia
Pola súa banda, o secretario xeral de Anfaco explicou que
tanto as empresas reunidas hoxe, como dende o sector en xeral,
"apostamos e seguiremos apostando por Galicia para transformar
os nosos productos como un sector moderno e innovador de cara
ao futuro". Vieites aludiu ás "ventanas de oportunidade" que
se abren a través do plan estratéxico da conserva e confirmou
que o sector segue a apostar "por Galicia, por dar valor aos
produtos, que ten que vir ao través da innovación, da investigación,
e do desenvolvemento tecnolóxico".
O
secretario xeral apelou a "facer os deberes" entre o sector
e a Administración autonómica "para intentar marcar o terreo
adecuado para que podamos competir neste mercado globalizado".
Segundo Vieites, a internacionalización do sector vai continuar
mantendo "a base firme e forte de innovación, de modernidade
e de desenvolvemento da calidade, diferenciación e deseño
dende Galicia". Do comercio exterior galego da pesca, conservas
e mariscos, lembrou o directivo, o 83% vai ao mercado da Unión
Europea, polo tanto "dende aquí podemos seguir facéndoo e
competindo ao través do desenvolvemento de produtos, de innovación,
de tecnoloxía e sendo punteiros a nivel internacional".
|