 |
noticiasgalicia.-
Galicia
recibirá fondos comunitarios por valor de 5.674 millóns de
euros con cargo ao marco orzamentario 20072013, o que a sitúa
como a comunidade autónoma con máis recursos comunitarios
tras Andalucía. Se a esta cantidade se engaden as achegas
da cofinanciación procedentes da Administración central e
da propia Galicia, o total de recursos para o conxunto do
período ascende a 8.226 millóns de euros.
O conselleiro de Economía, Xosé Ramón Fernández Antonio, subliña
a profunda reorientación que abordou o Goberno galego no destino
dos fondos europeos para o novo período. Neste sentido destaca
a nova estratexia recollida nos programas operativos prima
actuacións en ámbitos como a sociedade do coñecemento, a investigación
e a innovación, o crecemento sostible, a accesibilidade e
as redes de transporte, e a formación e promoción do emprego.
O novo enfoque está en liña coas prioridades impulsadas pola
propia Unión Europea na Axenda de Lisboa e persegue como obxectivo
unha Galicia competitiva, global e avanzada que converxa cos
países e rexións máis desenvolvidos.
Marco Estratéxico de Converxencia Neste sentido, o Marco
Estratéxico de Converxencia Económica de Galicia (Mecega)
20072013, elaborado pola Consellería de Economía e Facenda
e presentado en setembro de 2006, é o referente sobre o que
se asenta a estratexia galega neste ámbito. Co obxectivo global
de que Galicia acade o reto da converxencia en termos de crecemento
e emprego grazas ao fomento dunha economía baseada no coñecemento,
o Mecega plantea un significativo cambio respecto do período
anterior.
Cun enfoque estratéxico para un uso intenso e eficaz das achegas
comunitarias, o novo modelo persegue impulsar a innovación,
a produtividade, a internacionalización das empresas, o respecto
ao medio ambiente e a mellora das infraestruturas de accesibilidade.
En definitiva, Galicia está a realizar unha clara aposta polos
factores de desenvolvemento vinculados á Axenda de Lisboa
no senso de renovar as bases da competitividade, aumentar
o potencial de crecemento, e reforzar a cohesión social e
territorial, a través do coñecemento, a innovación e a valorización
do capital humano. Segundo manifesta o conselleiro de Economía,
Galicia dedicará máis fondos á educación e a I+D+i en definitiva,
a coñecemento que a infraestruturas, co obxectivo de impulsar
unha economía competitiva que permita avanzar na converxencia
coas rexións máis desenvolvidas da Unión Europea.
No seu conxunto, a comunidade dedicará preto o 42% dos fondos
procedentes do Feder á mellora do capital tecnolóxico ao través
do desenvolvemento da economía do coñecemento e da innovación
empresarial; o 31% ás infraestruturas de transporte e enerxía;
e o 27% aos aspectos relacionados co medio ambiente e o desenvolvemento
sostible.
|