|
noticiasgalicia.-
Pouco
máis de un mes despois de aprobar no Parlamento os Presupostos
Xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2008, a Xunta presentou
hoxe na Cámara unha emenda á totalidade da súa política económica,
recoñecendo explicitamente que o PPdeG estaba no certo cando
advertía que esas contas públicas non se axustan á realidade
nin recollían os instrumentos axeitados para combater a crise
económica que xa afecta de cheo ás familias galegas. É a conclusión
do portavoz parlamentario do PPdeG, Manuel Ruiz Rivas, despois
de escoitar a comparecencia na que o conselleiro de Economía
explicou as supostas medidas que a Xunta vai aplicar para
tratar de combater as crecentes inclemencias económicas que
se aveciñan.
A xuízo do parlamentario popular, a comparecencia de hoxe
supón un recoñecemento explícito da "soberbia e a prepotencia
coa que ven actuando o Goberno de Touriño en materia económica,
onde non escoita a ninguén". Tamén advertiu que "non
poden vostedes vivir da inercia do que deixou o Goberno do
Partido Popular, porque a herdanza non vai durar para sempre
se non se administra como é debido".
Para superar esta situación, e desde unha postura alonxada
de calquera alarmismo, Ruiz Rivas convidou a socialistas e
nacionalistas a reelaborar e consensuar un novo documento
orzamentario, axustado á previsión real de crecemento, moi
por debaixo do 3,5% contemplado nos presupostos en vigor,
e cun maior rigor na previsión de ingresos, unha vez constatado
o descenso do consumo, o incremento do paro, e a parálise
do sector da construción, entre outros factores. De ser así,
o PPdeG estaría disposto a apoiar os novos presupostos no
Parlamento a través do procedemento de lectura única.
Na súa intervención Ruiz Rivas recordou que a Xunta mantén
un dobre discurso en materia económica; mentres trata de negar
a evidencia argumentando que a economía galega dispón dun
"plus de resistencia" fronte á crise, uns días dí
que hai que axustar o crecemento económico e outros que a
Comunidade segue medrando máis que Europa.
Paralelamente, Ruiz Rivas lamentou que a aplicación de medidas
como a lei do litoral, a parálise na tramitacións dos diferentes
instrumentos urbanísticos promovidos polos concellos que impide
dispoñer de solo para construír, a ausencia de iniciativas
autonómicas para executar vivenda protexida, a parálise no
solo industrial, que obriga ás empresas a buscar superficie
industrial abundante e barata en Portugal ou a anulación do
Plan Acuícola que expulsou de Galicia investimentos multimillonarios
como o que Pescanova ía acometer en Cabo Touriñán (Muxía)
contribúa a incrementar a incerteza que pendura sobre a economía
de Galicia.
|