|
noticiasgalicia.-
O secretario xeral do Sindicato Nacional de Comisións Obreiras
de Galicia (CC OO) apoia a medida da conxelación do salario
dos altos cargos da Xunta, anunciada polo conselleiro de Economía
no decorrer da reunión que mantiveron onte. Porén, Xan María
Castro cre que este paso «non é suficiente», polo que deberán
darse outras medidas de austeridade. Con todo, valora a iniciativa
como «un bo punto de partida» por parte da Administración.
No referente ao emprego público, o secretario xeral do Sindicato
Nacional de CC OO defende que se manteñan as convocatorias
de emprego público previstas, «sobre todo aquelas que teñen
a ver con medidas como a posta en práctica da Lei de atención
á dependencia, levar adiante o pacto sobre a atención primaria
e a sanidade, medidas en materia de educación e noutras cuestións»,
sinala.
En calquera caso, o responsable de CC OO puntualiza que «na
entrevista que mantivemos co conselleiro, as súas palabras
finais foron en certa medida tranquilizadoras. En todo caso,
veremos o que sucede cando se concreten máis os orzamentos,
xa que polo de agora vímolos en termos máis 'filosóficos'
ca de concreción práctica», matiza.
Medidas sociais
Debido á actual situación de crise, Xan María Castro reitera
que os orzamentos de 2009 deben evitar que a complicada situación
económica afecte aos segmentos de poboación máis desfavorecidos.
Neste sentido, o secretario xeral do Sindicato Nacional de
CC OO demandou logo da reunión de onte que as medidas de austeridade
se acompañen doutras «en favor dos máis desprotexidos».
Relacionado con isto, Xan María Castro é rotundo ao asegurar
que «os salarios dos traballadores, especialmente os máis
baixos, non se deben moderar nin rebaixar», xa que iso significaría
«seguir a incidir na crise» porque afectaría negativamente
ao consumo.
Asinatura da declaración
Xan María Castro tamén se pronuncia sobre a declaración que
asinan hoxe a Confederación Sindical de CC OO, UGT, o Goberno
español e as patronais CEOE e CEPYME en prol do impulso da
economía, o emprego, a competitividade e o progreso social.
Para o secretario xeral do Sindicato Nacional, o máis importante
é que se recollan medidas para cambiar o modelo produtivo
do noso país, «pois comprobouse que o modelo que tivemos non
serviu para manter un crecemento nin sostido nin sostible,
baseado na construción excesiva de vivenda residencial e en
servizos de baixo valor engadido».
|