noticiasgalicia.com
   

Caixa Galicia
Caixa Galicia consegue asociar as novas tecnoloxías en Call Center ao idioma galego

noticiasgalicia.14/05/06.- Caixa Galicia, a raíz dun proxecto de desenvolvemento propio, vén de implantar na súa Banca Telefónica unha nova tecnoloxía baseada no recoñecemento de voz de linguaxe natural para a realización de consultas e operacións de maneira automatizada por parte dos seus clientes.

Este ambicioso proxecto componse de dúas partes:
O TTS (Text To Speech), un sistema para a conversión de texto en fala, o que permitirá introducir de maneira semi-automática calquera nova función ou ítem nos servizos telefónicos da Entidade galega. Ademais, foi preciso desenvolver unha nova voz, modificala e adaptala aos requisitos particulares do uso da lingua galega. … O ASR (Automatic Speech Recognition), unha ferramenta para o recoñecemento da fala que parte da definición dun sistema de unidades fonéticas seleccionadas segundo os criterios estatísticos e acústicos. Ata o momento, estas tecnoloxías estaban dispoñibles en varios idiomas (como castelán e catalán), pero non en galego.

Por este motivo, Caixa Galicia iniciou un proxecto en 2007 para incorporar a lingua galega. No proxecto, contouse coa colaboración da empresa tecnolóxica Tecnocom, a compañía especializada en servizos telefónicos Loquendo, as Universidades de Santiago de Compostela e Vigo, o Instituto da Lingua Galega e a Consellería de Innovación a través da Dirección Xeral de I+D+i. Grazas ao desenvolvemento desta tecnoloxía, outras empresas ou organismos poderán adquirila para o seu emprego en páxinas webs, portais de voz, Gps, etc.

A implantación deste novo sistema permitirá un tratamento máis eficaz e personalizado das necesidades do cliente xestionadas a través do servizo de Banca Telefónica, perseguindo como obxectivo final que os clientes de Caixa Galicia poidan emitir unha instrución ou consulta ao servizo automático empregando a súa maneira habitual de comunicarse.

Dada a complexidade do proxecto, procederase a unha implantación por fases, de maneira que se poidan realizar os axustes e procesos de afinación precisos no sistema do recoñecedor de voz.
Dende o 5 de maio, funcionarán a través do novo sistema dous grupos de operacións:
A consulta do saldo e os movementos de tarxetas e a recarga a móbiles, que agora se poderá realizar a través do novo sistema automático.
Ordes de pago a móbiles, que ofrece a posibilidade de enviar diñeiro de forma instantánea a un móbil. En xuño aplicarase a nova tecnoloxía ao conxunto da banca telefónica de Caixa Galicia e en setembro implantarase o servizo en galego.

A Banca Telefónica de Caixa Galicia articúlase a través da tarxeta Caixa Activa e lánzase no ano 1998. Na actualidade conta con máis de 100.000 usuarios que realizan mensualmente unha media de 400.000 operacións e consultas o que supón, xunto ao servizo de banca electrónica, máis do 25% do total das transaccións de clientes da Entidade galega.

Arredor do 15% das chamadas recibidas na súa banca telefónica realízanse en galego. Con este proxecto, a entidade completa a súa gama de servizos electrónicos dispoñibles en galego, como son a maioría dos seus sitios web, a súa banca electrónica de particulares, Caixa Activa, a de empresas Caixa Xestión, a súa banca móbil Activa Móbil e a súa pasarela de pagos para comercio electrónico.
VER ÍNDICE
VOLVER

©Galicia en PáXinas S.L. Todos los derechos reservados.-E-mail: noticiasgalicia@gpx.es.-Optimizada para 800 x 600 píxels.