A
Biblioteca Caixa Galicia pon en marcha a V edición do curso sobre
'Literaturas infantís e xuvenís ibéricas'
noticiasgalicia.23/05/06.-
Ata
o vindeiro día 15 de xuño estará aberto o prazo de inscripción na
quinta edición do Curso de Formación Continua "As literaturas
infantís e xuvenís ibéricas. A súa influencia na formación lectora",
organizado pola Biblioteca Fundación Caixa Galicia e a USC.
A preinscrición no curso pode realizarse na Biblioteca Fundación Caixa
Galicia no teléfono 981 593467 e no e-mail bibliofundacion@caixagalicia.es
ou directamente na USC.
Nesta edición o tema específico que se vai tratar o curso é ŒA Guerra
civil española na narrativa infantil e xuvenil¹.
A súa finalidade é afondar nunha temática, as literaturas infantís
e xuvenís dos ámbitos lingüísticos ibéricos, xeralmente excluída dos
planos de estudo das licenciaturas e diplomaturas e, sen embargo,
dunha transcendencia fundamental en ámbitos básicos como a formación
lectora e a expresión escrita no mundo das novas tecnoloxías da información
e da comunicación.
A inauguración do curso terá lugar o vindeiro 30 de xuño, coa presentación
da parte virtual do curso. Nesta parte presentaranse diferentes aspectos
teóricos relacionados coa temática do curso.
Tras unha introdución teórica na que se analiza o impacto e a presenza
da Guerra Civil nas manifestacións culturais e artísticas das últimas
décadas e a abundante bibliografía crítica xerada arredor do tema,
inclúense enfoques panorámicos que abordan o tratamento do tema nas
literaturas castelá, catalá, galega, portuguesa, vasca, co engadido
de dúas achegas que estudan a presenza da contenda española na produción
en lingua alemá e inglesa.
Tamén se presentan unha selección de obras narrativas nas que se trata
a Guerra Civil española, dezasete das cales son obxecto dun comentario
pormenorizado, co fin de facilitarlles aos mediadores e mediadoras
algunhas claves de aproximación para o seu uso na educación literaria.
A parte presencial do programa desenvolverase do 8 ao 11 de setembro
en xornada de mañá e tarde na Biblioteca Fundación Caixa Galicia.
O número de prazas do curso é limitado e o prazo de matriculación
está aberto ata o vindeiro 15 de xuño. O profesorado, comunicantes
e participantes nas distintas mesas representan a todos os axentes
que fan posible a comunicación literaria: investigadores de todo o
marco ibérico, é dicir, casteláns, cataláns, vascos, portugueses e
galegos; editores, escritores, libreiros, bibliotecarios e profesores,
que reflexionarán sobre as literaturas infantís e xuvenís do marco
ibérico, a súa influencia na formación lectora e sobre o teatro infantil.
|
|