|
A Fundación Caixa Galicia estreará sede en Ourense
noticiasgalicia.09/07/08-Caixa
Galicia asinou a adquisición do edificio que albergou o Hotel Barcelona
(Avenida de Pontevedra, 11) para convertelo na sede da súa Fundación
en Ourense. Coa recuperación para a cidade deste edificio, a primeira
entidade financeira de Galicia incrementará a rede de edificios
de uso sociocultural da que dispón ao longo da xeografía galega
e culminará o seu obxectivo de poder ofrecer en Ourense unha programación
ampla, variada e de calidade nun espazo propio. Caixa elaborará
un proxecto de rehabilitación e recuperación integral do edificio,
reconstruíndo a antiga fachada.
O edificio, situado na cidade vella de Ourense, ten un indubidable
valor arquitectónico e sentimental. O inmoble está situado nunha
finca de 614 metros cadrados de planta e ten unha lonxitude de fachada
de 13 metros. A infraestrutura que proxecta Caixa Galicia para albergar
a súa Fundación ocupará 3.697 metros cadrados que estarán distribuídos
en tres sotos, cinco andares e unha baixo cuberta.
En canto ao contido previsto para o edificio, están contempladas
a construción de salas de exposicións, auditorio, aulas do Instituto
Tecnolóxico Empresarial (ITE) Caixa Galicia, un Centro On de alta
tecnoloxía para a navegación libre por internet ademais dun espazo
para a sede social. En total, Caixa Galicia habilitará 4.000 metros
cadrados de uso público para actividades económicas, sociais, culturais
e de lecer en Ourense.
|