Novacaixagalicia aproba as contas de 2010 e alcanza o 56% do plan interno de capital
 |
noticiasgalicia.01/07/11.-A asemblea xeral de Novacaixagalicia aprobou esta tarde as contas do exercicio 2010 e coñeceu os primeiros datos do plan de recapitalización aprobado pola caixa o 28 de marzo. A xestión do plan permitiu anticipar en nove meses todo o proceso de integración, acelerar a obtención de sinerxías da fusión e pór en marcha un proceso de capitalización interna que, en só 3 meses, xa cubriu o 56% dos seus obxectivos.
Os conselleiros xerais están convocados a unha asemblea extraordinaria para o 21 de xullo, para abordar a segregación do negocio de Novacaixagalicia e a súa transferencia a NCG Banco. Os copresidentes da caixa galega, Julio Fernández Gayoso e Mauro Varela, e o director xeral, José Luis Pego, expuxeron as contas e o traballo realizado en 2010 e repasaron os principais avances do proceso de integración e recapitalización, que inclúe os seguintes capítulos:
SOLVENCIA. En tres meses, a entidade logrou unha xeración interna de capital do 56% do obxectivo previsto ata o 30 de setembro, con 281 millóns de euros dos 500 millóns presupostados. Logrou rebaixar os seus activos ponderados por risco en 1.429 millóns e obtivo plusvalías por venda de participadas e operatoria en mercados por 102 millóns de euros.
LIQUIDEZ. Ata maio mellora a súa posición de liquidez, rebaixando a dependencia de emisións por xunto en 1.677 millóns de euros, simultaneada cun aumento da captación retallista que, no caso dos depósitos a prazo, creceu en 358 millóns de euros en cinco meses. CALIDADE DE
ACTIVOS. Divídese por catro o ritmo de entrada neta de activos en mora. Os dubidosos crecen ata maio en 61 millóns de euros, fronte aos 239 millóns do mesmo período de 2010. Crecen un 50% as vendas de activos inmobiliarios no semestre, alcanzando os 237 millóns de ingresos.
EFICIENCIA. Aumentan un 25% as sinerxías previstas para este ano e xérase un aforro recorrente de gastos de 30 millóns de euros. Dentro deste epígrafe destaca: ù Gastos de explotación. Entre xaneiro e maio, a caixa logrou reducir en 23,7 millóns de euros os gastos de explotación, situándoos un 7,2% por baixo do ano anterior. ù Sinerxías da fusión. NCG prevé obter entre este ano e o seguinte 191 millóns de euros en sinerxías, 46 millóns máis dos inicialmente previstos. No conxunto do plan de integración actual, a entidade prevé xerar 611 millóns de euros en sinerxías positivas. ù Optimización de oficinas. En xuño deste ano, a caixa pechou 213 das 300 oficinas previstas para o conxunto dos exercicios 2011 e 2012. O aforro xerado para 2011 será de 7,9 millóns de euros ù Reestruturación de persoal. Anticípanse a 2011 todas as prexubilacións de persoal, o que ha permitir á entidade rebaixar en 35,2 millóns de euros os gastos de persoal xa durante este ano. ù Integración tecnolóxica. A integración informática e tecnolóxica adiántase ao 15 de agosto de 2011, nove meses antes do calendario previsto (maio 2012). A redución de custos desde 2011 ha ser 17 millóns de euros anuais.
Aprobación de contas de 2010
A asemblea de Novacaixagalicia contou coa asistencia de 278 dos 320 conselleiros xerais que conforman o máximo órgano de goberno de Novacaixagalicia. As contas contaron co referendo do 90,2% da asemblea xeral. En 2010 a entidade presenta un resultado despois de impostos de 146,4 millóns de euros, tras elevar o fondo de insolvencias a 2.854 millóns de euros. O copresidente Mauro Varela resaltou o compromiso de Novacaixagalicia coa sociedade e a súa vocación de servizo ao cliente, e lembrou que "a pesar da complexidade do escenario económico e do proceso de integración que estamos a afrontar, nunca descoidamos o que somos: unha entidade crediticia". "Por iso detallou en 2010 concedemos 107.000 novos créditos a clientes, fundamentalmente empresas e familias, que se traduciron en 11.700 millóns de euros en financiamento para o tecido produtivo".
O copresidente Julio Fernández Gayoso fixo fincapé no "extraordinario traballo" realizado por Novacaixagalicia nos seus primeiros meses de vida e na súa "capacidade de adaptación" aos desafíos do contorno. Gayoso destacou que "en pleno terremoto de cambios legais e económicos, nesta primeira metade de 2011 Novacaixagalicia conseguiu captar 54.900 novos clientes". Fernández Gayoso subliñou o papel da caixa de aforros galega como "potencia social". "Dedicamos no últimos dez anos máis de 1.000 millóns de euros a investimento social, un 30% máis do que ingresou o Fondo Social Europeo". O director xeral de Novacaixagalicia, José Luis Pego, desagregou perante a asemblea as magnitudes do negocio e a conta de resultados da caixa de aforros, nun ano marcado pola crise e pola política de máxima prudencia e esixencia levada a cabo pola entidade á hora de valorar os riscos. "Esta estratexia conservadora, acorde cunha visión de sustentabilidade e posicionamento a longo prazo, levounos a realizar en 2010 saneamentos por valor de 3.008 millóns de euros", explicou José Luis Pego. O director xeral valorou tamén ³o esforzo realizado durante o proceso de integración na contención dos gastos xerais² da entidade. |