|
A CIG-Banca propón que os directivos de
Novagalicia Banco cobren o mínimo legal
do plan de pensións: 1 euro
 |
noticiasgalicia.08/05/12.-
O pasado 27 de abril
a CIG-Banca solicitaba a convocatoria urxente
da comisión negociadora para a integración
dos plans de pensións de Caixa Galicia e
Caixanova, que finalmente foi convocada
pola empresa para o día 9 de maio. Nesa
xuntanza, CIG-Banca defenderá chegar a un
acordo, sen máis dilacións, por entender
que adiar a negociación de integración dos
plans de pensións pode levar a súa transformación
nun fondo interno, perdendo dereitos.
Ademais, proporá reducir a prestación con
cargo ao plan de pensións aos ex directivos
a un euro. A CIG-Banca entende que a posible
absorción por un banco que teña internos
os compromisos en materia de previsión social
(Grupo Santander), sen que teñamos un acordo
en novagalicia que garanta a existencia
dos Plans de Pensións, "sería entregarnos
atados de pes e mans".
Na propia comisión negociadora, e tras coñecer
a noticia de que os ex-directivos que recibiron
indemnizacións multimillonarias poderían
percibir prestacións que, segundo algúns
medios, chegarían a acadar os 33 millóns
de euros, CIG-Banca proporá reducir a prestación
con cargo ao plan de pensións que lle correspondería
a estes directivos a 1 euro. "Unha
proposta que pensamos ten toda a lexitimidade
e que ten amparo legal", explican.
Lembran que estes ex directivos están sendo
investigados por anticorrupción, tras a
denuncia da CIG, que ten citado para final
de mes a varios vogais dos Consellos de
Administración das antigas Caixas. De aprobarse
esa proposta por parte da empresa e dos
outros sindicatos, CIG-Banca entende que
non sería preciso levar adiante o recorte
das achegas pactado no ERE III para o conxunto
dos traballadores e traballadoras da entidade.
|