Pescanova
dona 400.000 euros para habilitar 4 salas no novo edificio do mesoe
de Pontevedra e financia un premio de pintura
noticiasgalicia.
26/01/07.-
A empresa Pescanova comprometeuse no Pazo Provincial da Deputación
a realizar unha achega económica de 400.000 euros para habilitar catro
salas no novo edificio do Museo de Pontevedra e instaurar un premio
de Pintura anual que levará o nome de José Fernández López. Pola súa
banda, a entidade provincial comprometeuse a elaborar un libro sobre
a contribución do creador do Grupo Pescanova ó Museo. Deste xeito,
tal e como destacou o presidente da Deputación, Rafael Louzán, a empresa
continúa a súa traxectoria de compromiso co museo provincial e coa
cultura galega. Neste senso, recordou que o pai de Manuel Fernández
Sousa-Faro, don José Fernández López, creador do Grupo Pescanova,
foi fundamental para o Museo de Pontevedra.
De feito, tanto unha sala, como un dos edificios que conforman o complexo
cultural leva o seu nome, en recoñecemento ás súas doazóns que permitiron
converter ó Museo nun dos máis importantes de España no seu xénero.
Do mesmo xeito, Louzán tamén salientou a outras persoas vencelladas
a Pescanova, como Álvaro Gil, "a quen se lle debe gran parte
do Fondo Castelao en pintura e en orixinais dos seus escritos".
Obra pictórica única en España
Fernández de Sousa destacou que "o Museo de Pontevedra é exemplar
en España polo que meu pai tiña unha especial predilección".
Ademais asegurou que este centro ³dispón da mellor colección de pintura
de España de finais do XIX principios do século XX grazas en gran
medida á aportación e selección de obras que realizou Fernández López
no seu momento".
Estes fondos poderán ser visitados nestas novas catro salas, algo
que o presidente de Pescanova destacou de forma especial xa que se
trata dunha importante obra que ten Galicia e Pontevedra e que, sen
embargo, non existe nos museos de Madrid Cataluña ou Valencia. O presidente
da Deputación, Rafael Louzán, destacou que "Pescanova foi decisiva
na orixe do Museo de Pontevedra e será decisiva no Museo de Pontevedra
do século XXI" que será segundo Louzán "unha auténtica Escola
de Cidadanía que desenvolva unha dinámica, participativa e moderna
actividade cultural".
Do mesmo xeito, salientou que esta iniciativa "mostra o camiño
do que moitos entendemos como auténtico e real compromiso con Galicia,
no que o mundo da empresa, da cultura ou do respecto ó Medio Ambiente
non son antitéticos senón complementarios". Finalmente, o titular
da entidade provincial puxo de relevo que "os que temos responsabilidades
públicas debemos apoiar a estas empresas punteiras, como Pescanova,
porque son locomotoras que tiran polos sectores produtivos nosos,
polo emprego, pola riqueza e polo desenvolvemento do país, fan políticas
de modernidade, son básicas para o I+D, xeran emprego, frean a emigración
dos xoves e poñen en valor os nosos recursos". |
|