|
noticiasgalicia.-
Coincidindo coa celebración do Día da Paz, trinta e oito nenos/as con
idades comprendidas entre os 8 e os 12 anos achegáronse este luns ate
o Museo do Humor de Fene para coñecer in situ a exposición ³O humor
e os dereitos da infancia². Os alumnos/as do Ramo realizaron un percorrido
guiado polas distintas salas do Museo e levaron para as súas casas,
como recordo, distintas ilustracións (para colorear) nas que se aborda
o tema da paz. Tal e como estaba previsto, rematado o período de exposición
na Casa da Cultura de Fene, a mostra "O humor e os dereitos da
infancia" comezará agora o seu percorrido por colexios e asociación
de toda Galicia.
Sete centros solicitaron xa esta mostra ata finais do presente curso
escolar: o IES Terra de Trasancos (Narón), o CEIP Valle Inclán (Perillo),
o CEIP Eladia Mariño (Porto-Cabanas), o CPI Ponte Carreira (Frades),
o CPI Atios (Valdoviño), o CIFP Ferrolterra (Ferrol) e o CPI A Xunqueira
(Fene). Aqueles colexios ou asociacións que estean interesados en dispoñer
da exposición (a partir do mes de xullo de 2012) deberán cumprimentar
o formulario que se achega adxunto e envíalo ao Museo do Humor de Fene
por correo electrónico (museodohumor@gmail.com) ou vía postal (MUSEO
DO HUMOR. Avda de Conces, 20-22. 15.500. Fene. A Coruña).
Consultar condicións no teléfono 981-342400 (de 8:00 a 13:30 horas)
"O humor e os dereitos da infancia" é unha exposición colectiva
na que diferentes ilustradores/as amosan dende unha perspectiva humorística
o seu punto de vista sobre o tema dos dereitos dos/as nenos/as. A mostra
está baseada na "Declaración dos dereitos da infancia", proclamada
pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas na súa resolución 1386 (XIV),
do 20 de novembro de 1959. A escolla deste tema responde a dous obxectivos
fundamentais. Por un lado, levar á reflexión sobre un asunto de interese
social e de máxima actualidade.
Por outro lado, revitalizar o Museo do Humor, ampliando os seus fondos
e achegándoo ao público infantil e xuvenil. Para a posta en marcha
deste proxecto -iniciado no verán de 2011- o Museo do Humor púxose
en contacto con distintas asociacións profesionais de ilustradores
e numerosos debuxantes aos que se solicitou a súa colaboración totalmente
desinteresada. A resposta foi excelente, recibíndose máis dun cento
de obras de procedencias tan diversas como Galicia, Barcelona, Valencia,
Madrid, Xaén, Arxentina, Brasil, Perú, Uruguay, México, Azerbaixán,
República de Tatarstán ou Grecia.
|