Ben común. Miguel
Cendán
Á marxe das súas deficiencias, o 15M logrou implementar un amplo
debate sobre a necesidade de revitalizar a democracia e impulsar
a súa base material, o Estado de Benestar. Debate tamén transversal
nas forzas de esquerda, aínda que estas andan máis preocupadas
en asuntos internos. Por iso son tan importantes as propostas
de plataformas como "Iniciativa Ben Común", especialmente
cando quen provocou a crise económica, e na esperanza de ocupar
case todo o poder político o 20N, sobreactúa coa intención de
xustificar a ruptura unilateral dos pactos da Transición e así,
desmantelar o débil modelo social e político español nacido
coa Democracia.
As propostas de transparencia e rexeneración democrática, de
maior proporcionalidade na lei electoral, de priorizar as necesidades
das persoas, a defensa da nosa identidade nacional como pobo
que dende a plataforma Ben Común están a propoñer deberan chegar
a bo porto. Quizais a proposta de candidaturas conxuntas da
esquerda para o Senado sexa difícil de artellar pola proximidade
das eleccións xerais. Pero, tras reunirse con Esquerda Unida
e o Bloque Nacionalista Galego, en breve os do "Ben Común"
farano coa dirección nacional do PSdeG.
Unha proposta necesaria e similar ao acordo entre as esquerdas
catalás. Que todas as propostas frutifiquen en acordos, abrindo
novos vieiros para a construción dunha saída progresista á crise
e dunha verdadeira alternativa política en Galicia.
Manuel A. Cendán Dopico é directivo da A.C. Fuco Buxán
19/08/11
|