|
noticiasgalicia.-O
portavoz de Pesca do BNG, Bieito Lobeira cualificou de "iniciativa
fracasada" a batea para a depuración de marisco da
ría de Ferrol, tras facerse públicos os resultados "negativos"
das analíticas realizadas por Intecmar e que imposibilitan
a comercialización da totalidade do marisco recollido.
Lobeira considera que a grande aposta da Consellería do
Mar na batea de Ferrol resulta un novo varapalo para o colectivo
de mariscadores e mariscadoras das consideras zonas C e
produce máis incerteza da que xa tiñan trala retirada das
axudas. Para o deputado, a Consellería de Medio Rural e
de Mar non está a xestionar adecuadamente "os seus
recursos" e aboca ao colectivo de mariscadores e mariscadoras
a "unha situación de grande inestabilidade" á
que agora dixo-, hai que engadir os malos resultados da
batea de Ferrol.
O parlamentario rexistrará diversas iniciativas pedindo
explicacións e esixirá a articulación de alternativas destinadas
a resolver os graves problemas do colectivo de mariscadores
e mariscadoras afectados pola retirada de axudas por actividades
alternativas á extracción ante a crise das zonas C. Lobeira
salienta que os altos niveles de E.Coli detectados impiden
a venda do marisco, o que ao seu xuízo, evidencia "o
mal funcionamento do sistema de depuración da batea e incrementa
a preocupación do colectivo de mariscadores e mariscadoras".
O deputado do BNG pide que a Consellaría do Mar rectifique
e amose unha postura máis "dialogante" co sector
e profesionais bateeiros que hai meses advertiron da "ineficacia
da instalación da batea" así como do método de estudo
utilizado para a depuración de marisco que tras os últimos
resultados confirman as sospeitas iniciais..
|