sábado. 20.04.2024

Os espazos públicos de Pontevedra converteranse durante esta fin de semana nunha feira do emprendemento na que poderán encontrarse as máis diversas e orixinais propostas de pequenas empresas que se teñen lanzado en Galicia durante os últimos meses.


A concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, presentou hoxe a Pont Up Store, a última iniciativa deste departamento municipal no marco da súa política de atraer todo tipo de eventos feirais, empresariais e congresuais á cidade de Pontevedra. No acto estivo acompañado pola vicepresidenta da Deputación, Ana Isabel Vázquez, e do profesor da Universidade de Vigo Pedro Figueroa, pois a Pont Up Store é unha actividade paralela da Conferencia Ibérica de Emprendemento, impulsada dende a Deputación.


O acto, realizado na Casa da Luz, estivo acompañado da instalación na rúa de 24 cadeiras restauradas a man cubertas con paraugas, para simbolizar a singularidade de cada emprendedor, a posta a disposición do espazo público e as “inclemencias” que todo novo proxecto empresarial debe superar. Os paraugas brancos colgaranse dos farois urbanos como elemento sinaléctico da “Pont Up Store”. A feira repartirase polas prazas da Ferrería, Curros Enríquez, de Compostela, da Estrela e de San Xosé, así como as rúas de Daniel de la Sota, Peregrina, Benito Corbal e Michelena.


Carlota Román explicou que as “pop up stores”, “pop up shops” o “temporary stores” son distintas variantes de comercialización fugaz no sector minorista. Son espazos de venda, ás veces dun só día, moi populares nos países anglosaxóns. Estas tendas temporais permiten ter presenza en espazos emblemáticos e, ás veces, ofrecer “marketing experiencial” para fidelizar clientes ou descubrir novos mercados. En ocasións utilízanse para campañas tan concretas como Nadal, volta ao cole ou campaña de vacacións.


A Pontevedra chega esta experiencia en formato de feira do emprendemento galego e pontevedrés. Un total de 17 casetas de madeira esparexeranse polo Centro Histórico, con presenza acusada nas prazas e epicentro no entorno da Ferrería. A “Pont Up Store” abrirá as súas portas o venres, 24, e pechará a última hora do domingo, 26. Nestas casetas albergaranse un total de 24 novos empresarios, con menos de dous anos no mercado.


Carlota Román subliñou que a experiencia dotará de cor á cidade durante toda a fin de semana e mostrará aos empresarios locais e galegos novas formas de negocio que apostan por xeitos distintos de relacionarse co consumidor.
A responsable municipal en materia de Promoción Económica, Emprego e Turismo lembrou que a “Pont Up Store” forma parte da intensa campaña que o seu departamento está a desenvolver neste último cuatrimestre do ano, no que ten programadas 14 actividades diferentes ata concluír o ano coa Feira de Doces de Convento e a campaña de impulso ás vendas comerciais PonteNadal.


Finalmente, aplaudiu a valentía dos emprendedores que seguen a impulsar ideas empresariais como os que ocuparán as prazas do Centro Histórico durante esta fin de semana.


A relación de participantes na actividade é a seguinte:


Taller Abierto (cultura, animación cultural), Freesyweet (axencia junior de publicidade e arte), La Parisienne (venda e distribución ambulante de café de alta calidade), Cucamanduca (distribución de alimentos delicatessen), Innova paisajes (creación de paisaxes innovadores), Nosaenerxía (comercialización de enerxía verde), Econene (venda on e off line de roupa usada de nenos e bebés), Tus ideas en cuero (artesanía), A tenda da gata (consumo responsable, produto local, economía sustentable, cattering de produtos locais, turismo responsable), Luffa (produción e distribución de esponxas vexetais), Horta Agrelo (finca agroecolóxica e de educación ambiental), Actúa sostenible (relacionado con Horta Agrelo), Ipress clothes (percha prancha), Ptit&Co (xoiería e bisutería), Mueve tu vida (exercicio para xente con patoloxías), Bienbonito (deseño de uniformidade corporativa), Fixed&Single (venda e restauración de bicicletas antigas e clásicas), Terapia animal (terapia contra a exclusión social), Ponte jabón (xabróns personalizados), Talentoeventos.com (montaxe de eventos), O Tendal (servizos de posicionamento para cooperativas), La lata muda (organización de eventos artísticos), Cestería Contemporánea (deseño e venda de complementos de palla e materiais naturais) e Elefante Cacharrería (figuras de papel para eventos).


A “Pont Up Store” contará cunha xornada formativa complementaria baixo o epígrafe “Maratón creativo”. Consistirá nunha actividade aberta ao público con actividades para desenvolver as destrezas cognitivas, espaciais, manuais e gráficas. A cita é na Casada Luz o sábado, 25 de outubro de 11 a 14 horas.

A “Pont Up Store” converte a Pontevedra nunha feira do emprendemento ao aire libre...