viernes. 29.03.2024

A USC xa está autorizada para operar con aeronaves pilotadas por control remoto, ‘drones’, logo de acadar a pertinente habilitación expedida pola Axencia Espacial de Seguridade Aérea (AESA), que é o organismo público responsable de regular no territorio nacional as operacións con aeronaves de ata 150 quilogramos.

 

A solicitude de habilitación da USC como organismo público autorizado para operar con ‘drones’ xurdiu no marco do do proxecto de investigación ‘Modelización-espazo temporal do estado de conservación de hábitats mediante imaxes de moi alta resolución adquiridas por Vehículos Aéreos Non Tripulados (VANT)’, financiado pola Xunta de Galicia e dirixido polo profesor do Departamento de Botánica da USC na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo Ramón Alberto Díaz Varela, que é membro do grupo de investigación GI-1809 Biodiversidade e Botánica Aplicada).

 

A consecución desta habilitación e o conseguinte recoñecemento legal da USC como operador de ‘drones’ por parte da AESA é un fito non menor para a institución académica compostelá, dado o grande interese deste tipo de tecnoloxía no eido da docencia, así como en moi diversos campos e futuras liñas de investigación. As aeronaves pilotadas por control remoto, coñecidas popularmente como ‘drones’, dispositivos tamén referidos habitualmente na literatura polos acrónimos RPAS (Remotely Piloted Aircraft System) ou UAV (Unmanned Aerial Vehicle), emerxeron nos últimos anos con forza como unha alternativa complementaria ás plataformas tradicionais para a percepción remota, como avións ou satélites, pola súa versatilidade e vantaxosa relación custe/calidade da información xerada.

 

O exponencial desenvolvemento do uso profesional destes sistemas e a súa irrupción con multitude de aplicacións no eido civil, tales como a teledetección, telecomunicacións, transporte e dispersión de produtos e incluso aplicacións de busca e vixilancia... fixo obrigado por parte da Administración o establecemento dun marco xurídico garante do desenvolvemento deste sector en condicións de seguridade. Esta regulación fíxose realidade en España a través da Lei 18/2014, de 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competencia e a eficiencia.

 

Esta norma regula de xeito provisional e ata a promulgación dunha lexislación específica, as operacións con aeronaves pilotadas por control remoto e indica o procedemento para a realización de actividades aéreas, ao tempo que encomenda a AESA a supervisión e o control de todas as operacións realizadas con aeronaves de ata 150 quilogramos. Unha vez superados todos os trámites, a habilitación como operador de ‘drones’ outorgada pola AESA faculta á institución académica compostelá para o emprego de aeronaves non tripuladas e pilotadas por control remoto para a realización de tarefas de investigación e desenvolvemento, así como para facer fotografías, filmacións e levantamentos aéreos (levantamentos topográficos, fotogrametría).

 

Accións de investigación e reconoñecemento instrumental, tales como calibración de equipos, exploración meteorolóxica, marítima, xeológica, petrolífera ou arqueolóxica, enlace e transmisións, emisoras, receptor, repetidor de radio ou televisión, son outras das operacións con ‘drones’ para as que está autorizada a USC. Outros traballos especiais para os que a USC tamén está habilitada como operador de ‘drones’ están relacionados coa inspección videográfica e fotográfica e con outros sensores de instalacións, infraestruturas e edificacións.

 

O abano de actuacións para o que a USC conta con habilitación como operador de ‘drones’ podería ampliarse no futuro, tanto en función da aparición de novas necesidades ou ben pola incorporación de novos grupos de investigación a este tipo de pescudas nas que resulta de utilidade o emprego de aeronaves non tripuladas por control remoto, segundo indica Ramón Alberto Díaz Varela, actual director de operacións de RPAS da USC.

 

Actuacións en marcha

As actuacións previstas no proxecto ‘Modelización-espazo temporal do estado de conservación de hábitats mediante imaxes de moi alta resolución adquiridas por Vehículos Aéreos Non Tripulados (VANT)’, cuxo prazo de desenvolvemento remata en 2017, son moi diversas. De feito, este proxecto, no que participan varios investigadores da USC, así como do Instituto de Agricultura Sostible do CSIC, da Universidade de Oviedo e tamén da Universidade de Vigo, persegue o desenvolvemento e aplicación práctica de novas metodoloxías para a caracterización e seguimento de hábitats de gran interese para a conservación da biodiversidade a partir da integración de datos de sensores remotos sobre aeronaves pilotadas por control remoto e datos de campo.

 

As imaxes multiespectrais de moi alta resolución captadas polos ‘drones’ servirán de base para logo realizar un seguimento a escala de detalle de aspectos tales como estrutura, biomasa, produtividade primaria neta, fenoloxía, danos e nivel de estrés da vexetación, sinala Díaz Varela.

 

A información xerada permitirá o diagnóstico e valoración de aspectos ecofuncionais do estado de conservación de hábitats para o seu emprego no deseño e implementación de medidas de conservación e xestión nun contexto de cambios globais, engade este investigador da USC, quen entende que a experiencia adquirida resultará ademais doado de extrapolar a outros eidos como son o seguimento e xestión de sistemas agrícolas ou forestais.

A USC, habilitada como operador de 'drones'