viernes. 19.04.2024

O Concello de Padrón converteuse na capital galega da costura clásica coa celebración da VI Xuntanza de Bolillos e Labores Tradicionais, que acolleu a preto de 300 persoas durante a xornada dominical no hotel Scala. O certame, que foi novamente multitudinario malia coincidir co Día da Nai, saldouse con éxito grazas á presenza de xente de toda Galicia, León e Zamora e á enorme calidade e coñecementos das participantes. Esta xuntanza incluíu a práctica de bordados, bolillos e costuras respectando sempre os traballos e as formas tradicionais, así como unha dúcia de postos de venda que tiveron un axeitado volume de clientes.

 

“É unha xornada para a costura e tamén para mirar e aprender co obxectivo de manter no futuro o xeito tradicional de traballar cos bolillos e outras pezas”, explicou Patricia, da Asociación Cultural Terras de Rosalía, que organiza o certame e que garantíu a súa continuidade para o ano 2018. Esta iniciativa, que conta coa colaboración do Concello de Padrón, estendeuse durante toda a xornada tras dar a benvida ás participantes e concluíu, xa ben entrada a tardiña, co sorteo de agasallos.

 

O alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, que compareceu no recinto para observar o traballo das costureiras e para dar o seu respaldo a esta xuntanza, recibíu un detalle polo apoio de man das organizadoras. Tras visitar o recinto, o rexedor destacou a importancia deste encontro “xa que serve para manter as tradicións e un xeito de traballar a costura que temos a obriga de sostelo no tempo” e louvou o traballo das organizadoras “por levar adiante un certame que xa ten sona en Galicia e fóra da nosa comunidade e que sempre trae moita xente a Padrón”.

 

xuntanza-bolillos-2-padron

Padrón convértese na capital da costura tradicional con preto de 300 persoas na VI...