viernes. 29.03.2024

O Concello de Padrón asiste desde hoxe ata o domingo en Silleda, no recinto da Feira Internacional de Galicia Abanca, ao certame Festur para promocionar as súas principais festas e celebracións gastronómicas, entre as que se atopan a romaría de Santiaguiño do Monte, a XII Feira Medieval, as festas da Pascua e a Festa do Pemento de Herbón. Aproveitando a inauguración oficial do certame e o percorrido das autoridades, o alcalde padronés, Antonio Fernández Angueira, acudíu á primeira hora da tarde ao posto do Concello de Padrón, no que todos os visitantes recibían como agasallo unha mochila de Turismo de Padrón. O rexedor estivo acompañado no seu percorrido polo recinto pola concelleira de Cultura e Turismo, Lorena Couso; o concelleiro de Festexos, Ángel Rodríguez Conde; e o concelleiro de Servizos, Javier Guillán.

 

Fernández Angueira reiterou neste escenario de Turexpo e Festur que o Concello de Padrón está a elaborar o expediente de solicitude da Declaración de Festa de Interese Turístico para a Pascua de Padrón e amosou a súa confianza en que "cun bo proxecto, que acredite a súa singularidade, a relevancia histórica e a súa importancia social, turística e económica para Padrón e a contorna, esa declaración se poida conseguir ao longo do vindeiro ano". Durante a visita, o alcalde anunciou tamén algúns detalles dos próximos festexos que acollerá o municipio, como son a XII Feira Medieval, os días 7, 8 e 9 de xullo, ou a romaría de Santiaguiño do Monte, que incluirá actividades desde o día 21 ata o 25 de xullo.

 

No primeiro caso, adiantou que durante tres días "a vila de Padrón retornará ao medievo con medio cento de actividades, entre o Mercado Medieval, música da época, obradoiros de oficios antigos, exhibicións de cetreiría e unha Gran Cea Medieval". En canto á Romaría de Santiaguiño do Monte, intimamente vinculada á tradición xacobea e ao Apóstolo Santiago, o rexedor padronés anunciou que unha das novidades deste ano será a instauración do galardón "Padrón, berce do Xacobeo" e o nomeamento dun Peregrino de Honra, que nesta primeira edición recaerá na figura do locutor Pepe Domingo Castaño.

 

"Con este título simbólico o que pretendemos é que algunha persoa recoñecida e valorada, como é o caso de Pepe Domingo, exerza de embaixador desta romaría e, por extensión, de todo o que podemos ofrecer no Concello de Padrón. No caso de Pepe Domingo xa é de facto un dos nosos mellores embaixadores e simplemente queremos recoñecerllo publicamente nunha Misa do Peregrino que se celebrará o 24 de xullo ás 13.00 horas na igrexa parroquial de Padrón", engadíu.

 

Festa do Pemento de Herbón

Finalmente, Antonio Fernández Angueira tamén lembrou que a parroquia de Herbón acolle en agosto a Festa do Pemento de Herbón, que xa conta coa declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia. Na súa opinión, "trátase dunha festa cun potencial enorme, que, sendo ambiciosos, incluso podería alcanzar a declaración nacional en poucos anos, co espaldarazo que iso suporía". Por iso, avogou por un maior entendemento coa asociación organizadora da festa para "todos xuntos, traballando de forma coordinada, poder ampliar a a súa difusión e seguir poñéndoa en valor".

Padrón promociona en Festur a romaría de Santiaguiño do Monte, a XII Feira Medieval, a...