viernes. 19.04.2024

A parroquia padronesa de Herbón ultima estes días os preparativos para ofrecer o vindeiro sábado na carballeira do convento de Herbón máis dun milleiro de racións de pementos no marco da XXXIX Festa do Pemento, que se celebra desde 1978 e que conta coa declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia desde o ano 2001.

 

Así o anunciou o alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, durante un acto promocional realizado este mediodía na Praza do Obradoiro no que estivo arroupado polo seu homólogo compostelán, Martiño Noriega; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lourenzo; e a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goreti Sanmartín. Os representantes institucionais achegáronse ata unha "foodtruck" que ofreceu degustacións gratuítas aos turistas e que está previsto que mañá visite tamén o Concello de Sanxenxo.

 

"Presentar a XXXIX Festa do Pemento de Herbón en Santiago é practicamente como presentala en toda Galicia e, ademais de promocionar a festa, o que queremos é reivindicar a autenticidade dun produto que leva o nome de Padrón por todo o mundo e que moitas veces compite con outros sucedáneos que non son os auténticos pementos de Herbón", afirmou o alcalde. "En Herbón hai moitas familias que viven do cultivo e a comercialización do pemento e queremos poñelo en valor para que o mercado demande cada vez máis os auténticos pementos de Herbón", salientou.

 

Ademais, Fernández Angueira convidou "a todo o mundo" a achegarse este sábado á carballeira do convento de Herbón e felicitou á comisión organizadora "polo traballo que realiza practicamente durante todo o ano" para preparar unha festa na que se servirán alomenos un milleiro de racións de pementos e que contará como pregoeiro co locutor radiofónico José Manuel García, do programa "Comer e falar na rede".

 

O rexedor padronés tamén anticipou a súa vontade de "reforzar o apoio municipal" á comisión organizadora o vindeiro ano, cando se cumpren as 40 edicións da festa: "pouco a pouco queremos ir dando os pasos necesarios para que a medio prazo esta festa poida alcanzar a decaración de festa de interese turístico nacional; pensamos que a día de hoxe non cumpre aínda todos os requisitos, pero ese é o obxectivo que queremos perseguir a medio prazo".

A XXXIX Festa do Pemento de Herbón ofrecerá o vindeiro sábado máis dun milleiro de racións