sábado. 20.04.2024

Máis dunha trintena de persoas participaron onte na cafetería da Casa da Cultura de Valga na cata comentada de augardentes e nas demostracións de cociña e coctelería con destilados a cargo do Consello Regulador das Indicacións Xeográficas das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia.

 

A actividade, enmarcada na programación da XXVII Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, contou coa asistencia do alcalde de Valga, José María Bello Maneiro, e do presidente e da secretaria do Consello Regulador, José Antonio Feijóo Mateo e Carmen Otero. O rexedor, á vista da boa acollida que tivo a iniciativa entre a veciñanza, amosouse partidario de organizar máis sesións semellantes ao longo do ano, mentras que José Antonio Feijóo louvou a calidade das augardentes galegas e dos seus derivados e defendeu o papel do Consello Regulador tanto na promoción destes produtos como no seu papel de garante da calidade dos mesmos.

 

Esta entidade ampara a destilados 100% galegos e que cumpran cuns determinados parámetros analíticos e sensoriais, estes últimos availados por un panel de cata. Unha vez superados estes controis, o Consello Regulador outorga ao produto en cuestión unha contraetiqueta que, para o consumidor, é un distintivo de calidade. A actividade comezou cunha cata comentada a cargo de Sonia Otero, enóloga e integrante do panel de cata do Consello Regulador, que explicou que as augardentes galegas son moi aromáticas non sendo recomendable o seu consumo en “chupito”, senón o emprego dunha copa tipo frauta.

 

“Deste xeito vanse a percibir todos os aromas e sensacións en boca da augardente”. Do mesmo xeito, rexeitou a costume de enfríar a caña no conxelador, apuntando que debe consumirse a unha temperatura similar á do viño, entre dez e doce graos. Catáronse ata catro augardentes brancas para que os participantes tentaran percibir as diferentes características en función da variedade de uva da que proceden. As cañas estaban elaboradas con bagazo de albariño, godello, mencía e variedades híbridas da zona do Ulla.

 

A sesión permitiu aos presentes descubrir a versatilidade das augardentes e licores de Galicia, uns produtos que ofrecen moitas posibilidades de consumo. No ámbito culinario, pódense elaborar con eles diferentes pratos e postres e, no tocante á coctelería, ofrecen combinacións moi equilibradas. Sobre estas alternativas falaron Fran Castro, xefe de cociña do hotel Isla de la Toja, e Ángel Camiña, barman do Casino La Toja.

 

O primeiro, acompañado polo cociñeiro Adrián Ribadomar, presentou dous pratos e un postre: un gazpacho de froitas con espuma de augardente, anguía ao estilo oriental con verduras bañadas en caña de herbas e un flan de licor café. O chef apuntou que “é moi doado traballar con produtos de calidade coma os de Galicia. Ao tratarse de augardente pódese pensar que é moi forte, pero deixándoa reducir e quitándolle o alcol poden conseguirse grandes resultados”. Por último, degustáronse dous cócteles de Ángel Camiña, un chamado "Branco e picante”, feito con augardente branco e distintos siropes e zumes, e outro con augardente de herbas e licor de laranxa.

Máis de trinta persoas descobren en Valga a versatilidade das augardentes de Galicia...