viernes. 29.03.2024

O Concello de Padrón celebra na xornada de hoxe a tradición do San Xoán do Raio, que serve para honrar máis dun século de lenda desta figura que protexeu ao municipio dos raios durante tres anos consecutivos e que se fai coincidir coa Festa da Terceira Idade. Este dobre evento, que acada a súa 27ª edición, contou coa asistencia de 315 maiores do municipio padronés.

 

A xornada festiva comezou pouco antes do mediodía coa saída en procesión do San Xoán do Raio dende a casa consistorial, onde permanece todo o ano, ata a igrexa de Santiago Apóstolo na compaña da Banda de Música Municipal de Padrón e de todos os asistentes, entre os figuraba o alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, outros membros do goberno local e incluso do veciño municipio de Rois. A continuación, celebrouse unha misa solemne cantada polo Coro Parroquial de San Pedro de Carcacía e un concerto da Banda de Música Municipal de Padrón, que serviron de preludio ao tradicional xantar de confraternidade, celebrado no hotel Scala.

 

A Concellería da Terceira Idade de Padrón, organizadora da xornada, tivo en conta todos os detalles, xa que os asistentes empadroados contaban cun prezo de asistencia subvencionado, cifrado en apenas 5 euros, e ademais beneficiáronse durante todo o día dun servizo de autobús para favorecer os seus desprazamentos e promover a asistencia.

 

“Unha peza imprescindible na nosa sociedade”

Na súa intervención, o alcalde padronés louvou o “inxente esforzo e traballo” realizado polos maiores do municipio “para sacar adiante e coidar ás súas familias durante décadas e para construír un concello e unha sociedade próspera e recoñecida en toda Galicia”. Porén, Angueira considerou que esta homenaxe anual “é o mínimo que dende o Concello debemos facer para agradecervos o voso empeño, que segue a ser fundamental hoxendía para o municipio, xa que sodes unha peza imprescindible no engranaxe da nosa sociedade”.

 

Nesta liña, o rexedor sinalou que o municipio conta con algo máis de 2.000 persoas maiores de 65 anos, o que supón o 24% do censo, e que por tanto trátase dun colectivo moi importante que “debe ser mimado dende o Concello e por iso nos esforzamos cada ano en potenciar os Servizos Sociais, aos que adicamos preto de 700.000 euros, o 12% do noso orzamento municipal, para tratar de aumentar a vosa calidade de vida porque o merecedes todo”.

 

terceira-idade-padron-3
teceira-idade-padron-2

Máis de 300 persoas asisten á tradición do San Xoán do Raio e a festa da terceira idade...