jueves. 28.03.2024

A exposición ‘Do gris ao violeta’ conta dende hoxe cun buzón para a recollida de propostas de cara a ampliar os contidos do programa ‘A memoria das mulleres’ a través de imaxes, documentos ou suxestións de persoas que poidan ser interesantes para ser entrevistadas.


Neste acto estivo presente o concelleiro de Patrimonio Histórico, Luís Bará, integrantes do consello asesor do programa ‘A Memoria das Mulleres’ e representantes das asociacións que están a colaborar na recollida de fotografías e a localización de mulleres para entrevistar.


No buzón pódese depositar información e un contacto, pero non é para deixar documentos ou fotografías orixinais. O lema co que conta o buzón é o seguinte: “Participa na recuperación da memoria das mulleres. Se queres colaborar na recuperación da historia das mulleres de Pontevedra con fotografías, documentos e información de interese, podes deixarnos aquí os teus datos. Estamos facendo entrevistas e biografías a mulleres da cidade e das parroquias que teñen moito que contar. Axúdanos a escribir esta fermosa historia… Moitas grazas!”.


Remate das xornadas ‘Represaliadas e resistentes’


Este acto foi o punto e final ás III Xornadas ‘Represaliadas e resistentes’, que dende o xoves e ata a mañá de hoxe se celebraron na Casa das Campás. Durante os tres días houbo conferencias do historiador Xosé Álvarez Castro, da xornalista Montse Dopico e da antropóloga portuguesa Paula Godinho.


Ademais, puidéronse escoitar historias contadas en primeira persoa por mulleres vítimas da represión e a ditadura, como foi o caso de Aurora Rodrigues, que con 21 anos foi torturada sen durmir durante 16 días e sometida a afogamentos, entre outras accións. Pilar Allegue tamén explicou o seu sentir dos últimos anos da ditadura española.


E non faltaron familiares de vítimas da Guerra Civil, como Ramona Fariña, que tivo a seu tío Ricardo Fariña Torres tres anos agochado na cheminea da casa de Faustina, a súa irmá maior, no barrio da Moureira. Ou como Mari Carme Lores, neta de Aurelio Torres, canteiro, anarquista e profundamente anticlerical ao que os fascistas asasinaron o 23 de agosto do 36 e abandonaron salvaxemente mutilado na curva de Bora. A súa muller, Isolina Villaverde Cendón deslombouse traballando a terra para sacar adiante soa a tres nenos. O cura negouse a facer o enterro do seu home e ela xamais volveu pisar unha igrexa; nin para a voda dos seus fillos.

Un buzón recollerá aportacións para conseguir máis historias para “A memoria das mulleres”