jueves. 28.03.2024

O rocambolesco roubo do Códice Calixtino que conmocionou á sociedade galega no verán de 2011 chegará agora ás pantallas, da man do director Jorge Cassinello, tras ser versionado musicalmente grazas a unha idea do polifacético Paco Lodeiro, 'Calixto', e despois da súa incursión na literatura. A produción de TVG e Ficción Producións preséntase como un relato que afonda na vida cotiá do ladrón confeso, que é un home aparentemente sinxelo e relixioso que, non contento con sustraer máis de tres millóns de euros da Catedral de Santiago, decide roubar unha das pezas máis valiosas que se conservan na súa biblioteca.

 

Do guión desta miniserie, presentada hoxe publicamente nun coñecido hotel compostelán, encargouse Gonzalo Velasco, co asesoramento do xornalista e documentalista Camilo Franco e a música de Manu Riveiro. A excepción do director de fotografía, o coreano Jerome Kim, o equipo é integramente galego. Todos coincidiron este mediodía en que ninguén deu crédito no seu momento a que algo así sucedese na cidade, e moito menos aínda dun xeito tan chafalleiro como parece que se desenvolveu este episodio excepcional, con repercusión internacional, sobre o que aínda penden moitos interrogantes, posto que a causa continúa aberta.

 

Cassinello, que pensa que cando unha reliquia desaparece, o seu valor e vínculo social se multiplican, manifestou hoxe que este material audiovisual está aderezado cun "compoñente de ficción interesante que nos permite contar unha boa historia" que ten "un factor Colombo interesante".

 

Este suceso dende un principio interesoulle moito, e isto levouno a querer ver o valor desta xoia literaria a través dos distintos personaxes, unha actitude que lle valeu para dar o sí, poñerse á fronte do proxecto e encarar unha rodaxe que "está a ser unha marabilla". A formulación visual saca partido a localizacións tan sobresaíntes como insólitas.

 

O actor Miguel de Lira interpreta ao taciturno electricista Manolo Fernández, un home que irá mostrando, a medida que avanzan as distintas indagacións, unha complexa personalidade repleta de obsesións, traumas e trastornos de todo tipo. As súas rutinas, xunto ao seu misterioso pasado, serven de fío condutor. Un sorrinte De Lira indicou que esta semana rodou dous días, pero "foron exquisitos", e chanceou co feito de que se os guionistas deixaron sen escribir algunhas cousas, pois "teremos que suxerilas nós".

 

O humorista Carlos Blanco, o xuíz, puxo o aceno irónico e comentou que non pode desvelar como preparou o seu personaxe porque "é segredo de sumario", polo que unicamente apuntou que se lle gusta facer de maxistrado é porque nesta ficción pode botar a reprimenda aos axentes policiais, " e iso é algo que agradezo moito". Un deses efectivos é Xosé Barato, -Quintela-, e outro Xulio Abonjo, que encarna a Salgado. O comisario recae en Francis Lorenzo, que xustamente estaba lendo a novela "A lenda do Santo Oculto" escrita polo xuíz galego José Antonio Vázquez Taín cando esta proposta chegou ás súas mans.

 

"Faime moita ilusión. Aprendo e crezo, e iso nun actor é un regalo", asegurou. O presidente da Academia Galega do Audiovisual, Antonio Mourelos, o extorsionador Silveira, referiuse á repartición como "de luxo" e María Vázquez, a inspectora Marina, ten subliñado que "estamos moi contentos". Antonio Durán "Morris", perfectamente caracterizado coma o deán, está convencido de que con esta sustracción, cada un ten unha imaxe do que puido pasar, e que el, colonizado polas canas para este papel aínda que prefire dicir que é "loiro por completo", púxose ao servizo do que quere contar Cassinello.

 

Tamar Novas, que é Esteban e volve ser o fillo de Miguel de Lira, declarouse satisfeito por rodar na súa cidade, e, respecto ao seu pai televisivo, afirmou que "algo xenético nos une", ao que De Lira lle replicou: "Seica o dubidas?" Mamen Quintas, de Ficción Producións, agradeceu este solleiro sábado a implicación de TVG e da Agadic, así como a oportunidade de contar co "mellor director" para facer esta película, e a axuda da Catedral e o extraordinario apoio do Concello de Santiago. "É a mellor repartición que tivo unha película galega", opinou, e o elenco botou en falta a Luis Tosar, algo para o que Camilo Franco tivo resposta: "Sí que está Luis Tosar, era o segredo mellor gardado: Fai de Códice".

 

Franco recordou como hai dous anos o Códice pasou de habitar no templo a vivir nun garaxe de Milladoiro (A Coruña) e como o que parecía unha historia de John Le Carré, derivou nun esperpento e ao final mudou en investigación policial. "A miniserie intenta estar nesa delgada liña na que facendo ficción se pode ser leal ao sucedido", subliñou.

 

O director da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, celebrou o traballo de máis de setenta profesionais e o compromiso co idioma e a directora de TVG, Rosa Vilas, remarcou a importancia de apoiar a ficción "feita por galegos e para os galegos". Na realidade, o xuízo polo roubo do Códice Calixtino, do que se declarou autor o electricista galego Manuel Fernández Castiñeiras, que traballou como autónomo para a Catedral de Santiago, está pendente de data.

 

O roubo do Códice Calixtino xa ten libro, canción e serie televisiva