noticiasgalicia.com
Google
   

LA ENTREVISTA

Dolores Villarino , presidenta do Parlamento galego:
"Non cultivo a imaxe de dura, a xente que me coñece sabe que non o son"


A simple vista parece quen de poñer firme un hemiciclo sen despeitearse. Xa rodou o seu. A fragua política de Dolores Villarino (Xinzo de Limia, 1945) está no Concello de Vigo, tal vez o que máis 'culebróns' leva proporcionado á política galega nos últimos anos. A flamante presidenta da Cámara galega, economista e nai de dous fillos, fai profesión de fe olívica e presume de Parlamento.

Ata o seu debú estelar na presente lexislatura (sétima), a carreira política de Lola Villarino estivera moi centrada no universo municipal vigués: primeira tenente de alcalde e responsable de persoal, patrimonio, facenda e planificación de 1991 a 1995; voceira do grupo socialista de 1995 a 1997; concelleira de turismo ata 2001. Na quinta legislatura entra no hemiciclo autonómico como voceira de economía socialista. Na sexta foi vicepresidenta da Mesa do Parlamento.


¿Como foi a súa entrada na vida política? ¿Tivo lugar durante o franquismo?
Si, claro. Bueno, digo que "si, claro" pola miña idade

Tamén había moita xente que non se metía en política.
Eu si. Empecei nada máis chegar á Facultade de Económicas de Santiago, que estaba moi politizada. Empecei en política o primeiro mes de Universidade.

Disque o maio do 68 francés tivo o seu precedente en Compostela, nas folgas universitarias do 67.
Eu empecei a carreira no 68-69, creo recordar. Cando cheguei a Santiago estaban os rescoldos das manifestacións do ano anterior. Parecía, polo que dicía a xente, que o nivel de represión aumentara un pouquiño e, sobre todo, o medo da xente. No curso anterior houbera expedientados e bastantes conflictos. Digamos que empecei na vida política nun momento un pouco complicado.

¿Que dicían na casa de todo eso?
Hai dúas frases que non se me esqueceron na vida. Unha de meu pai: "Ten cuidado, que son mala gente". Dicíao pola dereita, e eso que meu pai non estaba metido en política e fixo a guerra no bando nacional. E unha tía avoa moi simpática, miña tía Matilde, díxome: "Pero mujer, si en nuestra familia somos apolíticos de derechas de toda la vida".

¿Co tempo todos nos moderamos? ¿E inevitable?
Eu non me vexo máis moderada agora. Modéraste a nivel persoal, maduras en moitas cousas... pero politicamente non me moderei nada. Sempre fun socialdemócrata, coma a inmensa maioría da xente que militabamos no PC naquela época. Falábase da dictadura do proletariado e nós diciamos: "Dictadura, ni la del proletariado". Eramos demócratas, e teriamos estado no socialismo se naquel momento houbera máis presenza do PSOE. Hoxe ves algunhas cousas de distinta maneira, como é lóxico, porque tamén o mundo é de distinta maneira.

Dez anos no Concello de Vigo son un carreirón. Co animada que é alí a política municipal...
A verdade é que si, é un carreirón político. Sobrevivir en política en Vigo non é fácil. Desde o meu punto de vista, é unha cidade magnífica, vital e dinámica. Creo que é bo que participe a cidadanía, aínda que ás veces aos políticos nos supoña algún problema. Tamén hai que dicir que ás veces os políticos de Vigo non temos o suficiente recoñecemento fóra de Vigo. Como o penso, dígoo.

Cando a política é tan turbulenta...
A cidade non é turbulenta. O que pasa é que é unha cidade distinta, e cun futuro que non teñen outras. Non é que a política sexa máis turbulenta, téñense dado máis turbulencias noutros concellos sen que alcanzaran a mesma notoriedade. En Vigo cando se tose hai un catarro xeralizado en toda Galicia. Hai que mirar con máis mimo e cariño esa magnífica cidade.

¿Lembra que fixo o día en que Corina Porro recuperou a alcaldía olívica para o PP?

Pois non teño nin idea. Non o recordo, sinceramente.

¿Tomar unhas copas, quizais?
Só tomo unha copa conscientemente: todos os 20 de novembro. Unha copiña de viño.       

¿Fraga gañou as eleccións autonómicas?
Eu creo que non. Por moitas voltas que lle queira dar o Partido Popular, cousa que tamén comprendo. Creo que non as gañou porque cando un político, despois de 16 anos de maioría absoluta, decide presentarse de novo como candidato, enténdese que é porque pensa gañar as eleccións. E o Partido Popular sabía que gañar as eleccións significaba revalidar unha nova maioría absoluta. Na medida en que non a revalidou, perdeu as eleccións. Está claro que en Galicia a alternativa ao Partido Popular era e é...

...a que a realidade permite.
A que queren os cidadáns de Galicia: un goberno de PSOE e BNG. Esa alternativa de goberno os galegos tíñana moi clara e optaron por ela.

Pero a maioría na Cámara é bastante axustadiña.
As maiorías nunca son axustadiñas. A maioría ou se ten ou non se ten.

Como caian dous deputados por gripe, perden vostedes unha votación.

Eso entraría no terreo da anécdota. Os deputados dos grupos que apoian ao Goberno están onde teñen que estar permanentemente, como ten que ser, e o Goberno ten eses 38 votos de maneira permanente e continuada.

¿Percibe vostede que lles está custando aos grupos o cambio de papeis? Ao PP facer oposición, ao PSOE e o BNG defender un labor de Goberno...
Non é que lles estea custando, é que tiveron un certo período de acomodo. E lóxico, son moitos anos de facer un determinado papel parlamentario. Nese sentido, creo que o teñen máis fácil o PSOE e o BNG. Sempre é máis fácil pasar da oposición ao Goberno. No grupo do PP incluso descoñecían algúns mecanismos parlamentarios que non tiñan explorado nin utilizado totalmente. Estalles custando traballo, pero sen dúbida que se van poñer. Traballan moito e presentan moitas iniciativas.

As veces, ao ver a Manuel Marín presidindo o Congreso, dá a impresión de que está a lidiar cos nenos dun patio de colexio.
Eu non teño queixa. Os deputados, con máis cariño que con outra cousa, din que esta presidenta os mantén firmes. Creo que co tempo van apreciando que eso vai en beneficio da dignidade da Cámara e o respecto polas intervencións dos parlamentarios, que é o que eu teño que vixiar. Hoxe os plenos da Cámara galega pódense ver sen que os deputados nos avergoñemos e sen que os cidadáns se avergoñen dos representantes públicos que elixiron.

Tivo momentos problemáticos. Por exemplo, a manifestación de alcaldes ás portas do Hórreo para protestar pola retirada de subvencións de Medio Rural.
A ninguén lle gusta un incidente desa natureza, pero visto coa perspectiva do tempo serviu para deixar as cousas claras, cousa que hai que facer algunha vez na vida.

A vostede non lle importa a imaxe de dura que cultiva.  
Non, eu non a cultivo. Son unha persoa normal e corrente. Sempre digo que, como son muller, seguramente teño o plus de que tería que ser doutra maneira. Desde o primeiro día dixen que ía preservar a dignidade da Cámara e os dereitos dos deputados. A xente que me coñece sabe que non son dura.

¿Diría que a Cámara ten un bo nivel de debate?

Si. Eu non comparto o estereotipo de que nos parlamentos haxa que ter unha oratoria florida. Nos parlamentos hai que falar para que nos entendan os cidadáns. No Parlamento de Galicia pódennos ver en todas as sesións porque se retransmiten a través da páxina web. Se os parlamentarios falan cun vocabulario máis rico, mellor, pero ese concepto decimonónico das florituras e da retórica... estou absolutamente en contra. Os políticos temos a obriga de falar para que nos entenda a cidadanía á que representamos.

O peor é falar sen dicir nada, ¿non? As veces os políticos caen neso.
Si, claro. Eso pódese facer con palabras floridas e non floridas. Hai que debatir con argumentos, con rigor e cunha linguaxe que entenda a cidadanía. Para min, quen fai eso é un bo parlamentario.

¿Hai moito absentismo no Parlamento galego?
En absoluto. Sempre están todos os deputados, nas sesións de pleno e tamén nas comisións. Incluso cando non hai sesións, en vacacións parlamentarias, hai moitos deputados no Parlamento. Están por aquí facendo os seus traballos.

¿E a cidadanía galega ve a Cámara como unha institución útil e cercana?
Pois a verdade é que non. Non só o Parlamento de Galicia, os lexislativos en xeral. Para min ese é o segundo reto máis importante, despois de preservar a dignidade da institución: achegar o Parlamento á cidadanía, que nos coñeza e nos esixa. A través da páxina web e das visitas de colectivos ao Parlamento, que multiplicamos por máis de cinco. Queremos mostrarnos como somos e dicirlle á cidadanía galega que aquí ten a súa casa. Tamén queremos facer actividades fóra de Santiago para que a xente empece a coñecer máis a institución.

A ver cando se fan neste Parlamento esas votacións tan paveras sobre quen son os deputados máis guapos e simpáticos.

Normalmente fanas os medios de comunicación. A min se me preguntan, xa adianto que todos son simpáticos, guapos e marabillosos.
"Non creo que o meu marido apoie o PP, pero o seu voto teño que gañalo"

¿Como fixo vostede para seducir a Touriño?
Eu non seducín a Touriño, a ver se a súa dona vai pensar que o teño seducido. (Risas). O que sucede é que, cando o presidente me ten proposto para algunha cousa, sempre lle teño dito que estou á súa disposición, e esta vez foi efectivamente igual.

Este era un caramelo difícil de rexeitar.
Home, é un honor, obviamente. A xente que me coñece sabe que nunca pedín estar en ningún sitio. Nunca me planteei facer carreira política, entrei na vida institucional por casualidade e nunca pensei dedicarme a esto e, polo tanto, nunca tiven un proxecto persoal de carreira política. Estou onde o partido decidiu que tiña que estar.

Cando se fala da paridade no Goberno español hai un dato chamativo: as ministras suman cinco fillos entre todas e os ministros, máis de 20.
Ah, non sabía. Eu teño dous.

Pero non parece doado conciliar a maternidade coa carreira política.
Nin coa vida profesional. Só se tes a complicidade absoluta da túa familia e a súa renuncia a que ti contribúas de xeito máis cotián ás cuestións familiares. Eu agora, por exemplo, teño que desenvolver o meu traballo fóra de Vigo, co que eso conleva.

¿Que anos teñen os seus fillos?
Cumpren este ano 25 e 28, respectivamente. A miña filla ten 25, coma o Estatuto, e o meu fillo 28, coma a Constitución. Eu fun moi politicamente correcta. (Risas).

¿O seu marido non está metido en política?

Para nada. El non se mete na miña vida política e eu non me meto na súa. Porque o feito de que el non milite non significa que non teña opinión política.

Se me di que el lle vota ao PP, xa temos titular
Non, eu creo que non. Pero pódelle asegurar que é un voto que hai que gañalo. A min resúltame moi difícil.

VER OTRAS

©Galicia en PáXinas S.L. Todos los derechos reservados.-E-mail: noticiasgalicia@gpx.es.-Optimizada para 800 x 600 píxels.