noticiasgalicia.com
Google
   

LA ENTREVISTA

Pilar Pin, directora da Fundación Galicia Emigración:
"Hai que alonxarse dun cliché da emigración meramente nostálxica, folclorizada"


Lucense de 50 anos, Pilar Pin Vega, asumiu este martes a dirección da Fundación Galicia Emigración, á que pretende dar unha nova orientación. Unha das súas prioridades é impulsar a integración real dos inmigrantes e dos emigrantes retornados, para non caer nos erros "de outros países do noso contorno". Para iso, Pin márcase un prazo: "temos 20 anos para non equivocarnos na integración dos inmigrantes".

Unha integración na que, ao seu xuízo, xogará un papel fundamental a recuperación e posta en valor "do legado da emigración galega".

Cando se cumplen catro anos desde a creación da Fundación Galicia Emigración ¿cal é o seu estado de saúde?
Estamos entrando nunha nova etapa que, ademais, é coincidente cunha crise de crecemento da propia fundación. No momento en que se crea, coa crise de Iberoamérica, ten unha función fundamentalmente asistencial, de emerxencia social. A resposta da administración que estaba naquel momento e da sociedade civil a través de varias empresas e institucións funcionou pero, a partir daquel momento, a propia fundación vai tomando outro cariz, asumindo outras tarefas, como é a da formación, o do apoio aos emprendedores e varios temas sociosanitarios que fan que neste momento sexa preciso revisar o seu papel, o seu plantexamento inicial.

¿Que cambios serían necesarios?
Coa aparición do Estatuto do Emigrante, que amplía os dereitos dos residentes no exterior ao nivel de calquera outro cidadán nacional, modifícase por completo a situación do que poden facer as administracións autonómicas e a propia fundación. Desde o momento en que se asumen por parte da administración galega ou central os temas de saúde, de pensións e doutros tipo de prestacións, a fundación ten que retirarse e en ningún caso pode estar desempeñando un papel que corresponde á administración. Así, a súa labor nese plano asistencial é complementaria da da administración. Por outra parte, hai outra serie de funcións que debe asumir, como a formación.

Con esta nova orientación ¿cal será a nova filosofía da Fundación?
Hai que asumir unha función sociocultural de aproximación á realidade do que foi a emigración e do que é a inmigración. Creo que a Fundación ten aí un traballo moi importante que é poñer en valor todo o legado da emigración galega e, sobre todo, creo que se debe buscar a maneira de que ese legado sirva para o acollemento dos inmigrantes en Galicia: hai toda unha tradición que nos debe permitir non cometer os erros que noutros países europeos se rexistraron. Temos 20 anos para non equivocarnos na integración dos inmigrantes, como se están equivocando países do noso entorno. Temos 20 anos para facer unha integración real. Non só no plano económico ou no laboral, senón a todos os niveis.

¿En qué se concreta ese legado da emigración ao que se refería?
E tan rico que nos levará anos definilo. Do que se trata é de alonxarse dun cliché da emigración meramente nostálxica, folclorizada. Trátase de que éste non sexa o único marco desde o que poidamos ver a cuestión da emigración. Hai unha emigración que foi máis alá do económico, unha emigración social, unha emigración política do exilio, da que agora se comeza a recuperar a súa memoria e que tivo e ten unha grande importancia nos países que os acolleron. No noso país, lamentablemente, quedou moi oculta, moi marxinada, moi ninguneada esta faceta e agora debemos poñela nun lugar moi visible e permitirlle aos nosos mozos que entendan o que significou o exilio, o que significou ese tipo de emigración social e política. Creo que todo o que foi a República e a posguerra, ten un valor máis que histórico e forma parte da nosa forma de pensar e de ser.

En canto á integración dos emigrantes retornados e dos inmigrantes, ¿qué papel desempeña a Fundación?
Estamos plantexando diversos tipos de formación e poñendo en marcha programas con compromiso de contratación, promovendo a acción emprendedora a través de microcréditos que permitan os inmigrantes poñer en marcha as súas empresas, así como actividades de promoción do cooperativismo e das entidades de economía social. Ademáis, a Fundación está a complementar as políticas de inmigración da propia secretaría xeral. Cremos que hai aspectos que van máis alá do que é a inserción social ou sociolaboral e que nós vamos a impulsar. Trátase da integración a nivel de manexo do que é a competencia social dunha persoa que, cando chega a un país descoñecido, onde os constumes son moi distintos, hai que facer un traballo de difusión, de divulgación para que pouco a pouco accedan a uns niveis de relación social normalizados. Non se trata de absórbelos, senón de, respetando a súa forma de vivir, a súa forma de ser e a súa cultura, dotalos de recursos para unha integración real.       

¿E para os emigrantes residentes no exterior?
Neste eido estase a desenvolver un programa moi interesante e que está aportando moito á galeguidade. Trátase da formación en Galicia e ao máis alto nivel de fillos e netos dos nosos emigrantes que, unha vez formados, temos a satisfacción de que acadan un posto de traballo moi importante nos seus países de orixe e son a referencia non só das empresas do exterior, senón que tamén son referente para as empresas galegas que nalgún momento queren internacionalizar os seus investimentos. Estes galegos, ben formados, que coñecen perfectamente os seus territorios e o tecido empresarial deses países, achegan unha axuda inestimable para o proceso de internacionalización das empresas galegas.

O conselleiro de Presidencia edvertiu da necesidade de eliminar a "administración paralela" creada polo executivo anterior, ¿a Fundación Galicia Emigración estará entre as entidades afectadas?
Eu cambiaría o tempo do verbo, entrará por entrou. Ningunha fundación debe entrar en competencia, e menos unha fundación pública, co que corresponde á propia administración. Deben ser complementarias do que fai a administración é responder ás liñas que lle marque o seu padroado, nunca funcións propias da administración.

¿Considera entón que ata o de agora a Fundación Galicia Emigración asumía competencias propias da Consellería de Emigración?

Na miña opinión si. A Fundación asumira na etapa anterior unha serie de funcións asistenciais que son bastante confusas e había un solapamento bastante claro entre a Consellería de Emigración e a Fundación Galicia Emigración en canto ao que eran as súas axudas. A crítica fundamental que eu lle podería facer é sobre cómo se distribuían e cómo se implementaban esas axudas. Non existían criterios obxectivos, facíase con criterios clientelares e electoralistas. Isto é algo que nós non podemos permitir. Desde o punto de vista orzamentario e de distribución de axudas teñen que existir criterios tremendamente claros e transparentes. Que todo o mundo sepa porqué se dan esas axudas e a qué responden. Temos detectado casos nos que unha mesma persoa recibe tres tipos de axuda para o mesmo concepto, mentres que outras persoas non acceden a unha axuda aínda que teñan unha necesidade obxectivamente maior. Isto ten que acabarse.

VER OTRAS

©Galicia en PáXinas S.L. Todos los derechos reservados.-E-mail: noticiasgalicia@gpx.es.-Optimizada para 800 x 600 píxels.