|
Antonio Izquierdo Escribano,
director
da Escola Galega de Administración Pública:
"Non
vou facer sondaxes electorais, pero si estudos estratéxicos para
Galicia"
A
Escola Galega de Administración Pública (EGAP) comezou unha nova
etapa. As carencias formativas, a investigación, o mundo da inmigración
ou a avaliación das políticas públicas estratéxicas serán algúns
dos obxectivos inmediatos, segundo o seu director xeral, Antonio
Izquierdo Escribano. Entre as súas preocupacións está a de abrir
máis a escola á colaboración das institucións privadas e avanzar
na coordinación das Administracións.
¿Que plans ten para a EGAP?
Ademais da formación dos funcionarios, a escola vai ter un labor
de investigación moi importante. Faremos cambios substanciais no
relativo á formación dos funcionarios e tamén haberá unha parte
de investigación nas políticas públicas estratéxicas. Eu non vou
facer sondaxes electorais, pero si estudos de carácter estratéxico
para Galicia. As liñas principais nas que traballaremos son o avellentamento,
a ordenación do territorio e mais o urbanismo, así como contar co
goberno multinivel e afianzar a coordinación das Administracións.
Do mesmo xeito, atenderemos as necesidades de formación dos funcionarios
autonómicos e locais. Esa é a parte que quero reforzar, cun novo
equipo de xente que vai vir de universidades americanas e que vai
quedar con nós tres anos.
¿Cales son as prioridades?
Teño moita preocupación pola avaliación, pola calidade e pola innovación.
Penso facer novos deseños de avaliación das políticas públicas e
da formación dos funcionarios. Aínda así, penso tamén insistir moito
na innovación, na teleformación e no uso das novas tecnoloxías.
O pasado día 13 de febreiro estivemos en Oviedo, onde impartiremos,
en colaboración coa Escola de Asturias, un curso de directivos e
dirixentes das Administracións públicas, no que se ofrecerán tamén
actividades de teleformación. As actuacións conxuntas comezarán
con case toda seguridade o vindeiro ano. Unha idea da Escola é abrirse
a outras do ámbito estatal, europeo e, probablemente, latinoamericano.
¿Que coste terá todo isto?
A cifra exacta é de 750.000 euros para investigación e outros 250.000
para pagamentos de activivades, investigadores, compra de paquetes
de traducións, etcétera.
Falouse de que nesta nova etapa a EGAP íase transformar nun centro
de estudos sociolóxicos...
Máis que sociolóxicos, de políticas públicas, porque a selección
de investigadores afecta a xente de Dereito, Psicoloxía, Economía,
Ciencia Políca, Historia ou Socioloxía. De feito, o número de investigadores
no campo da Socioloxía que imos seleccionar será o menor. Será un
centro interdisciplinar de políticas públicas.
¿Vaise excluír algo do que se estaba a facer ata o de agora?
Non, nada. Os convenios, a formación de funcionarios, os seminarios
e xornadas seguirán. A revista problablemente cambie de contidos
e de nome. O que imos facer é colaborar con outras institucións,
moitas delas galegas, coeditando libros con diveras editoriais.
Ademais, botaremos man de Caixanova e doutras institucións financeiras
de Galicia. Traballaremos máis coas institucións e abriremos máis
a Escola, pero non vai quedar nada fóra. Probablamente haxa máis
diñeiro porque colaboren máis institucións.
¿Cómo se vai abordar o apartado das relacións do Goberno e a sociedade?
Aquí entra a colaboración dos informes sobre o goberno multinivel
e sobre a coordenación das administracións, sobre todo no ámbito
das políticas públicas estratéxicas, como as referidas á ordenación
do territorio. Tamén se tratarán as necesidades de formación, o
avellentamento do mercado de traballo ou a inmigración. Serán traballos
relacionados con varios departamentos horizontais. Penso que o que
necesita Galicia é xente que dea ideas e que avalíe as políticas
públicas, e que o Goberno faga o que ten que facer, que é tomar
decisións e establecer prioridades. Teño moito interese en que Galicia
se abra a Europa. O primeiro seminario será a finais de marzo, e
tratará sobre as áreas metropolitanas. Virá xente da OCDE e doutros
países europeos e trataremos de recoller leccións para Galicia.
Asegura vostede que hai deficiencias formativas moi acentuadas
na Administración local...
Formativas e temén de medios. Malia existir unha cooperación moi
estreita coa Dirección Xeral de Administración Local, temos a dificultade
de que a poboación é moi dispersa, o que dificulta en gran medida
o aproveitamento dos recursos formativos.
En apartados como a inmigración haberá que partir practicamente
de cero...
Si, pártese de cero, pero creo que neste terreo en Galicia estamos
a tempo de facer as cousas ben, porque temos aínda unha inmigración
pouco numerosa, bastante homoxénea e concentrada. Cómpre afortalar
a formación dos técnicos municipais, que é onde descansa a a integración.
Temos certas ventaxes porque os equipos de investigación das universidades
galegas son fortes.
¿Ademais de formación, esta política requerirá tamén medios?
Creo que no ámbito local hai tres vías de actuación. A primeira
delas viría co impulso das boas prácticas, cos materiais didácticos.
En segundo lugar, atópase a formación dos técnicos municipais nas
cuestión xerais e específicas e coa utilización dos medios. E, por
último, é importante tamén a estabilidade, porque os programas de
integración social precisan dela. Os convenios con organizacións
non gubernamentais son importantes pero o Goberno e a Administración
teñen que facer o seu labor. Non pode descansar todo o traballo
sobre a inmigración nas ONGs.
|