noticiasgalicia.com
Google
   

LA ENTREVISTA

Corina Porro, alcaldesa de Vigo:
""No PP saben que non caso con ninguén"


Muller de melena loura e 52 anos moi ben levados, Corina Porro pisou forte no PP -en postos de conselleira e directora xeral, entre outro- antes de voltar a onde iniciou a súa carreira política: o Concello de Vigo. Só que agora está na corporación en calidade de alcaldesa e con ánimo de revalidar o cargo o ano próximo. Presume de politicamente incorrecta.       
Esta muller de apelido chocante ten maneiras de señora. Por debaixo intúese unha personalidade nada dócil. Igual cá da cidade que goberna.

No seu discurso de toma de posesión, o 13 de decembro de 2003, identificaba vostede o momento como "agridoce"
      
Referíame a que a cidade levaba seis meses vivindo demasiadas convulsións polos enfrontamentos dos grupos políticos, e eu creo que eso non é bo, independentemente de que esa situación me levara a min á alcaldía. Non cheguei por unha moción de censura, senón por unha moción de confianza que perdeu o anterior alcalde. O que se vivira nos meses anteriores fora un conflito permanente polas desputas internas do BNG e o PSOE. Esa foi a parte agria. A parte doce foi o momento que tiven de demostrar que se podían facer as cousas doutro xeito.       
Esta cidade parece vivir a política dun xeito moi intenso.       
Vigo é unha cidade moi comprometida e reivindicativa, moi apaixonada en todo o que fai. Eu creo que eso é algo bo se toda esa forza se orienta para construír.       
¿Quizais esa forza fai máis difícil o traballo dos políticos?       
Eu creo que non. Se na cidade existe moita vida, tamén existen moitas iniciativas e participación, e para min eso é bo. Moitas veces molesta que Vigo sexa unha cidade que permanentemente está pedindo. Pero cando se establece unha relación de proximidade entre os gobernantes e a cidadanía, cando se sabe ceder nalgúns temas sobre o ben común e, sobre todo, cando priman os intereses da cidade por riba dos persoais e de partido... pois as cousas saen. Eu estou contenta de que todos os temas importantes da cidade se levaran a través de comisións de seguimento, anque no PP os puideramos sacar adiante en solitario. Foi importante o diálogo permanente e as relacións entre todos.       
¿Quere dicir que existe cooperación entre o goberno e os grupos da oposición?       
Algunhas cousas saen adiante cuns, outras con outros... O que lamento é que o Partido Socialista se instalara un pouco no "non". Creo que nesta cidade está un pouco de costas, movéndose por intereses partidistas.       
¿Vai gañar vostede as eleccións do 2007?       
(Risas). Pois direillo ese mesmo día a partir das once da noite.       
Supoño que xa manexa sondaxes. Ou simplemente a súa intuición.       
Eu non son unha alcaldesa de despacho. A pesar de que hai áreas que non teño delegadas, o cal precisa un gran esforzo. Pero, aínda que non teño moito tempo, todos os días saio do despacho. Vou ver obras, teño un contacto directo cos colectivos e asociacións... e desa relación directa coa rúa extraio conclusións. O ambiente é moi bo.       

¿Séntese apreciada na rúa?       
Totalmente. Totalmente. Conseguiuse traer a paz social a Vigo. Temos unha relación magnífica cos sindicatos, estamos apoiados por todos os colectivos en temas coma o Plan Xeral... De 22 colectivos que sentaron arredor dunha mesa para discutilo, só un se desmarcou a última hora: o Partido Socialista.       
Non sei se a etiqueta de populista lle cadra a vostede.       
Populista? Non sei se o son ou non... Todos nos coñecemos. Sinceramente, eu creo que onde podo aportar máis é en cargos de xestión. E o que máis me gusta e onde máis cómoda me sinto. E sei facelo, creo que o demostrei alí por onde pasei. Agora, para facer unha boa xestión hai que saír do despacho, estou segura. E como non teñas un contacto directo coa xente, non sabes por onde tes que ir.       
¿E unha viguesa militante? ¿Sublévana certos investimentos noutras cidades galegas?       
Son unha viguesa moi galega. Moi galega. Creo que os localismos non son bos para ninguén, pero o que teño claro é que defendo con unllas e dentes o que lle corresponde a Vigo. E o que non entendo son certos macroinvestimentos pantagruélicos que non sei a que van conducir. ¿Poño un exemplo?: o porto exterior da Coruña. Non o entendo, cando se vai facer outro porto exterior ao lado, en Ferrol, e cando no porto de Vigo estamos aínda pendentes de financiación. Para compensar, cite tamén algún "macroinvestimento pantagruélico" aprobado polo PP.        O porto exterior da Coruña tamén foi apoiado polo PP. Aí están todos, PP e PSOE. E eu non o entenderei na miña vida. Vanse facer edificios en terreos portuarios sen custo para a cidade da Coruña. E en Vigo, sen embargo, para facer un auditorio tivemos que pagar o terreo. ¡Non mo explico!       
¿Por que se fixo vostede enfermeira? ¿Foi algo vocacional?       
Totalmente vocacional. Totalmente. Teño unha filla que tamén é enfermeira. Ademais, son das que lles gusta seguir en contacto constante coa profesión. E un traballo duro, un traballo dos que hai que sentir. E moi duro polos horarios e, ás veces, polo pouco apreciado que aínda é. E penso que aínda estamos moi mal pagadas as profesionais que nos dedicamos á enfermería.       
¿Cre que unha profesión coma a súa determina un xeito distinto de facer política do que pode ter un avogado ou un economista, por exemplo?       
A ver... Creo que o xeito de facer política determínao a persoa. E, como persoa, podes ter certas tendencias cara a unhas profesións ou outras. Pero elixir a profesión e facer as cousas dun determinado xeito... eso é cousa da persoa. Eu metinme en política desde o mundo do social. A min a primeira vez que me invitaron a participar nunha lista, eu preguntei: ¿para que? E dixéronme que me vían no terreo social. Dixen que si. A loita por conseguir unha sociedade máis xusta, con igualdade de oportunidades para todos, tívena ao longo destes anos e sígoa tendo como alcaldes. De feito, reforcei esa área no Concello.       
¿E vostede a ala esquerda do PP ou que?       
Ala esquerda? Non, eu estou no centro. E estou no PP porque penso que é un partido de centro.       
Ese acento que pon no social quizais a aproxime a posturas máis progresistas.       
E que eu creo que son progresista. As etiquetas en política pasaron á historia. Nos anos en que eu tiven responsabilidades en materia de política social fíxose máis política social que en todos os anos anteriores. E ninguén me rebateu esto nunca. Que lle pregunten aos colectivos.        ¿Como vai cambiar o PP galego a partir de Núñez Feijoo?       
(Dubida). Galicia cambiou. Ao falar de Feijoo falamos de Galicia, non? Pois Galicia cambiou: os galegos e galegas estamos a concentrarnos nas zonas costeiras e urbanas. Eso non quere dicir que non haxa que facer políticas para o rural de Lugo e Ourense, para que á xente nova tamén lle apeteza quedar alí. Pero é que a realidade imponse, e nesa realidade hai algo ao que hai que dar resposta: sociedades máis modernas e máis urbanas nas que un perfil coma o de Feijoo vai xogar un papel decisivo. Temos que dar resposta ás necesidades sociais de cada momento.       
Na súa biografía política tivo oportunidade de estar en todos os estratos da Administración. Outros que tamén o fixeron afirman que a xestión máis gratificante é a municipal.       
Eu non sei se é a máis gratificante, pero eu entendo a política tamén como vocación. Moita xente, desde logo, non está en política con vocación. Eu, que normalmente son políticamente incorrecta, se non tivera vocación faríao moi mal. Non estou nun proxecto no que non crea. Son moito do corpo a corpo, de estar próxima ás persoas. E esa proximidade dácha a politica municipal. Non sei se é a máis gratificante. A máis dura, desde logo. E a que a min me gusta, tamén. Cando hai unha familia con graves problemas e ti a ves, e ten cara e nomes, eso faiche sacar tempo de onde sexa.       
¿As deputacións teñen os días contados?
      
Na cidade de Vigo, desde logo, o papel que está a xogar a Deputación é dunha trascendencia moi grande. Eu tardei un pouco en atoparlle sentido ás deputacións. (Sorrí). ¿Non ves? ¡Son politicamente incorrecta! Desde fóra ao mellor non percibes a trascendencia que ten unha administración así, pero cando coñeces o entramado decátaste de que fai traballos decisivos en infraestruturas intermedias. Os concellos, por razóns de economía e financiación, non somos capaces de dar os servizos que temos que dar. Esto é incrible. E realmente importante o que fan as deputacións, polo menos a que eu coñezo. Tamén teño que dicir que non creo que funcionara tan ben a Deputación de Pontevedra como está funcionando agora. E estivo gobernada polo PP.       
Así que políticamente incorrecta... ¿Tamén dentro do seu partido é vista así?       
Eles saben que eu non caso con ninguén. (Risas). Pido todo o que creo que debo pedir para a cidade de Vigo, fíxeno no seu momento e seguireino facendo. Podo colaborar con este goberno autonómico. Hai conselleiros cos que podo chegar a acordos sen problemas, con algúns enténdome perfectamente e con outros non. E fraco favor lle fan á cidade de Vigo non asumindo proxectos que xa estaban asumidos. En materia de sanidade, por exemplo, este novo goberno asumiu o proxecto de gran hospital que viña do anterior. Pediu unha serie de modificacións nos estudios, pero eu podo entender eses matices. Necesítase un novo hospital canto antes e eu vou colaborar con eles. O que non pode ser é que tiveramos un convenio de infraestruturas e chegue, neste caso, unha conselleira que o paraliza. ¡Eso é infumable! ¡Infumable! Estamos chegando a acordos en política medioambiental, con Presidencia, con Vivenda... e en Política Territorial é un desastre. ¡Un desastre que non hai por onde collelo!  
A todo esto, ¿como leva vostede a conciliación da vida laboral e a familiar?       
Eh... Pois eu sigo facendo a compra. ¡Anque sexa por teléfono! Teño xa tres fillos maiores e independentes. Unha señora bióloga, unha señora enfermeira e un señor arquitecto. Así que... ¡Outra das cousas que me apetece: ser avoa!       
Imaxino que lle teñen feito moitas bromas a conta do seu apelido.       
Si, si. (Sorrí). Eu ademais fun a responsable do tema de drogas no Concello. Puxen en marcha o plan de drogas cando cheguei á delegación municipal de Servizos Sociais. Levei o centro de atención a drogodependentes Cedro, que creo que é o máis importante de Galicia. Son a madriña do grupo de pacientes Imán, nomeada por eles mesmos. Esas persoas son algo moi especial para min, a nivel afectivo e de compromiso. E dicir, que non son allea ao mundo das drogas senón todo o contrario. O que pasa é que cando queren facer un chiste fácil, normalmente xa lles tomo eu a dianteira.       
Esta foi unha cidade, unha zona xeográfica, moi castigada polos problemas de drogadicción. Houbo momentos moi graves. Como en calquera outra gran cidade, que ademais é portuaria e fronteiriza. Pero hoxendía, coma calquera outra gran cidade... non especialmente. .

VER OTRAS

©Galicia en PáXinas S.L. Todos los derechos reservados.-E-mail: noticiasgalicia@gpx.es.-Optimizada para 800 x 600 píxels.